Bolsa de emprego para o chamamento de colexiadas/os en situacións de emerxencia

28 - 06 - 2023

O Ceesg, como corporación de dereito público con responsabilidade social, está ao servizo da sociedade galega no seu conxunto, e moi especialmente das persoas e colectivos cos que traballan as educadoras e educadores sociais.

Ante os acontecementos actuais, para afrontar a situación social e sanitaria producida polo COVID-19 e o estado de alarma aprobado polo Consello de Ministros, RD 463/2020, de 14 de marzo, e o seu impacto na vida das persoas, desde o Ceesg, vémonos na obriga, máis que nunca, como profesionais da Educación Social de actuar desde o compromiso e de acordo cos principios deontolóxicos da profesión.

Son moitas as educadoras e educadores sociais que seguen atendendo e intervindo acompañando á cidadanía nos Centros de maiores, centros de día, centros de infancia, adolescencia e xuventude, fogares de crianzas baixo tutela, espazos de igualdade e atención da violencia de xénero, centros de rehabilitación psicosocial, Centros de atención a drogodependencias, centros socioeducativos de atención a persoas con diversidade funcional, etc.

Desde o Ceesg queremos agradecer o seu traballo e, ao mesmo tempo, comunicamos que imos poñer en marcha, con carácter urxente, unha bolsa de emprego para atender de xeito adecuado calquera posible demanda urxente de profesionais por parte das entidades que seguen a traballar coa cidadanía. Deste xeito, contribuímos a dar resposta ás necesidades sociais de forma xusta, digna, profesional e de calidade.

As persoas colexiadas que queiran formar parte desta bolsa, deben enviar o formulario acompañado do currículo plenamente actualizado a servizos.colexiais@ceesg.gal.
A bolsa queda aberta de xeito permanente mentres que, a criterio do Ceesg, se considere que pode existir demanda deste servizo por mor da emerxencia sanitaria. No caso de que algunha entidade o solicite, facilitaránselle os datos recabados ata o momento en que esta formule a solicitude.

Descargar formulario (acompañar do CV)

Lembra que:

  • Estamos ante un asunto de responsabilidade individual e colectiva baseado no interese xeral que todas e todos debemos asumir.
  • As/os profesionais deben achegar os seus coñecementos, competencias e habilidades para afrontar o curso desta pandemia, optimizando os recursos, medios e actuacións con criterios profesionais que deberán ser aplicados no marco das normas, os protocolos e a deontoloxía profesional.
  • Máis que nunca debemos pensar nos demais e coidar de nós mesmas e das persoas ao noso arredor, atendendo ás pautas dadas polas e polos profesionais e ao respecto cara os demais, dado que canto fagamos nestas circunstancias repercutirá no conxunto da cidadanía.