Coronavirus: Recomendacións para o exercicio da profesión e servizos do Ceesg afectados
AVISO 12/03/2020
Dende o 13 ata o 27 de marzo, o Ceesg atenderá ao público soamente por correo-e ou teléfono; non presencialmente. Medida de prevención ante a expansión do coronavirus.
Lamentamos as molestias. Grazas pola comprensión.
Aproveitamos a mensaxe para recordar que desde a educación social debemos favorecer condutas e actitudes responsables dirixidas á prevención do contaxio, dende a serenidade e evitando o alarmismo.
ACTUALIZACIÓN 13/03/2020
O Ceesg acaba de poñer en marcha un plan de continxencia que contempla medidas de prevención que afectan á actividade das persoas traballadoras, das persoas da Xunta de Goberno e Grupos de Traballo, e a algúns servizos dirixidos a persoas colexiadas. Os servizos afectados son os seguintes:
- Suspéndese a atención presencial dende o 13 ao 27 de marzo. Atenderase no horario habitual por teléfono ou correo-e.
- Ao servizo de biblioteca non se pode acceder de xeito presencial. Poderanse solicitar exemplares que se enviarán a través de correo postal.
- Suspéndese/Aprázase calquera actividade, xuntanza, etc.
- Suspéndese o servizo de préstamo de instalacións e recursos do Ceesg ata novo aviso.
Así mesmo, dende o Ceesg realízanse unha serie de recomendacións para o exercicio da profesión VER RECOMENDACIÓNS
O plan de continxencia irase actualizando segundo a evolución da situación.
ACTUALIZACIÓN 16/03/2020
En relación á situación de alarma decretada polo goberno con motivo da pandemia por COVID-19, dende o Ceesg queremos sinalar:
- Toda/o profesional colexiada/o está suxeita/o á obriga de cumprir e facer cumprir as normas e protocolos establecidos no marco da ética e deontoloxía profesional, o que supón unha garantía para a cidadanía.
- Estamos ante un asunto de responsabilidade individual e colectiva baseado no interese xeral que todas e todos debemos asumir, sen que iso dependa dos posibles premios ou sancións.
- As/os profesionais deben achegar os seus coñecementos, competencias e habilidades para afrontar o curso desta pandemia, optimizando os recursos, medios e actuacións con criterios profesionais que deberán ser aplicados no marco das normas, os protocolos e a deontoloxía profesional.
- Máis que nunca debemos pensar nos demais e coidar de nós mesmas e das persoas ao noso arredor, atendendo ás pautas dadas polas e polos profesionais e ao respecto cara os demais, dado que canto fagamos nestas circunstancias repercutirá no conxunto da cidadanía.
En relación ao exercicio da educación social, dende o Ceesg temos solicitado ás autoridades información fidedigna sobre as instrucións a ter en conta para traballar de xeito seguro en todos os eidos onde a Educación Social poida ter lugar, tanto para as persoas atendidas como para as/os profesionais.
Enlace á noticia co comunicado
ACTUALIZACIÓN 18/03/2020
Enlace do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, con documentos técnicos para profesionais, relacionados co coronavirus