Ingreso Mínimo Vital vs. Renda Básica Universal (RBU)
Nesta semana na que o goberno central vai explicitar os detalles sobre a implementación do Ingreso Mínimo Vital e a súa cobertura, desde o Ceesg queremos xerar debate, reflexión e diálogo sobre a Renda Básica Universal (RBU) como medida social que comezamos a reivindicar desde fai máis dun ano na Xornada ‘Renda Básica: o novo dereito social necesario’ (organizada en colaboración co Colectivo de Renda Básica da Coruña).
Para iso, durante esta semana, recuperaremos algunhas das conversas destas Xornadas sobre RBU relacionadas con diferentes ámbitos de intervención da Educación Social: xustiza social, feminismos, saúde mental, servizos públicos…
Compartiremos en redes sociais e na nosa web, actualizando diariamente.
Renda Básica e Xustiza Social.
Luns 25 de maio
Desde o Ceesg consideramos que Renda Básica incondicional faría á xente máis libre e liberaríanos ás profesionais da carga de decidir quen ten dereito á prestación e quen non.
Entrevista a Daniel Raventós sobre a necesidade de que exista unha maioría social a favor da Renda Básica, e que conte co apoio dos movementos sociais, partidos políticos e sindicatos.
Ver vídeo
Renda Básica e Feminismos.
Martes 26 de maio
Somos profesionais que pasamos o tempo fiando remendos, ante a situacións de emerxencia, cando o que tiñamos que estar facendo é fiando sinerxías coa comunidade e co resto de profesionais.
Nuria Alabao, Sarah Babiker Moreno e Leticia Castro Torres, educadora social, conversan sobre a imprescindible incorporación da perspectiva feminista.
Ver vídeo
Renda Básica e Dereitos Humanos.
Mércores 27 de maio
Desde o Ceesg consideramos que a Renda Básica Universal posibilita o desenvolvemento individual, familiar e colectivo, garante os dereitos humanos e subxectivos das persoas.
Carme Lizárraga Mollinedo, Thiago Santos Rocha e Belén Fernández Suárez conversan sobre a RBU como unha cuestión de Dereitos Humanos, que cobra relevancia xunto a outros dereitos básicos, como son a equidade e a xustiza social de cara ao benestar da comunidade.
Ver vídeo
Renda Básica e Servizos públicos.
Xoves 28 de maio
Desde a perspectiva da RBU, o noso labor como educadoras sociais, é a de repensar e reivindicar novos modelos de servizos sociais, que dean paso á análise e investigación dos contextos sociais e educativos nos que intervimos, coa finalidade de dinamizar, a través de equipos interdisciplinares, programas e proxectos de acompañamento, orientación, autonomía, protagonismo e horizontalidade que atendan as necesidades sociais, educativas, formativas e culturais da cidadanía.
Eva López Soto, Sergi Raventós Panyella e Julen Bollain Urbieta conversan sobre a vulnerabilidade como un problema estrutural, destacando os efectos
negativos desta situación na saúde integral das persoas, concretamente, na saúde mental.
Ver vídeo
Renda Básica e sostenibilidade ecolóxica.
Venres 29 de maio
Florent Marcellesi e Alberto Fraguas Herrero Florent amósannos a necesidade dun novo modelo socioeconómico e dentro dese desafío, un elemento fundamental é a Renda Básica. E unha aposta polo decrecemento, imprescindible en calquera modelo de refundación social e económica europea.
Ver vídeo
Renda Básica e Benestar Social.
Sábado 30 de maio
Koldobi Velasco e Duarte Crestar, do Colectivo pola Renda Básica de Compostela e educador social falan de procesos de empoderamento persoal e retecido comunitario.
Ver vídeo
Rematamos a semana adicada á RBU cunha enquisa realizada á poboación española durante este periodo de confinamento e co primeiro programa de radio de A Tribo, que achégannos as propostas de organizacións, profesionais dos servizos sociais e persoas en situación de pobreza sobre a Renda Básica, contando, entre outras coas voces de Eva López Soto, educadora social técnica de Servizos Sociais Comunitarios e do educador social e membro do Colectivo de Renda Básica da Coruña, Rodrigo Gil Cedillo.