Comunicado Geix sobre o peche de centros de día ata setembro

28 - 06 - 2023

O Grupo de Estudos e Intervencións Xeragóxicas do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia quere comunicar a súa preocupación ante a nova de manter pechados os centros de día para maiores ata o mes de setembro. Aínda alegando á seguridade cidadá como máxima motivación para tomar unha decisión deste tipo, consideramos que é unha medida que agrava a situación vital de centos de persoas maiores que sofren demencias e outras enfermidades dexenerativas e que son usuarias deste tipo de servizos.

Coa fin de promover a súa saúde, adóptase unha decisión que favorece o contrario. A asistencia a un centro de día non se limita a ser unha axuda á conciliación familiar, senón que parte de entender ao usuario/a como persoa de pleno dereito, que elabora o seu propio proxecto vital no devir dos seus días, contando ao seu redor cun equipo interdisciplinar que, a través das súas intervencións, acompaña neste proceso e orienta as actuacións.

As necesidades de terapias especializadas deben ser atendidas e, seguindo a adopción das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia, non están sendo tidas en conta: estase privando ás persoas maiores de recibir unha atención esencial e necesaria.

Tendo en conta o exposto, dende o GEIX solicitamos a reconsideración desta decisión pois só deste xeito sería posible seguir levando a cabo unha atención especializada e de calidade, intentando mellorar a calidade de vida das persoas maiores e retardar os efectos negativos das enfermidades que sofren, así como a continuidade de cara a acadar unha ‘nova normalidade’ dentro da súa comunidade próxima.

Grupo de Estudos e Intervencións Xeragóxicas (GEIX) do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

3 de xuño de 2020