Educación Social para agromar sementes de comunidade

28 - 06 - 2023

Hoxe é un día máis no almanaque. Un día máis no que tentamos volver ás nosas vidas, rutinas e ritmos, coas presas e a habitual falta de tempo para pararnos a reflexionar cunha perspectiva máis ampla ca imposta polo predominio do inmediato.

Hoxe pasará desapercibido, e non recordaremos nin recoñeceremos como é debido o traballo e o esforzo realizado durante tanto tempo e por tantas persoas, colectivos e organizacións para tratar que a sociedade adique un chisco da súa atención a observar o que ten ao seu redor, e que cada vez máis rápido está a perder: ecosistemas, saberes de profundas raizames, tecido sociocomunitario.

Mais hai moitas sementes que estes meses comezaron a brotar entre veciñas e veciños, amizades, profesionais, cidadanía en xeral: apoio mutuo, solidariedade, preocupación e acción polo ben común.

Dende a Eira do Ceesg pensamos que agora, como educadoras e educadores sociais, tócanos recoñecer estas sementes de comunidade, agarimalas para axudalas a agromar e tecer redes que as fagan medrar fortes. Porque dende a Educación Social temos moito que dicir e que facer para construír colectivamente presentes e futuros nos que comunidade e sustentabilidade se sitúen como eixos vertebradores de novas sinerxías e xeitos posibles de vivir no mundo.

Por iso hoxe, Día Internacional do Medio Ambiente, e todos os días do ano:

  • Reclamamos o ámbito comunitario e ambiental como un espazo interdisciplinar e interdependente onde a Educación Social estea presente de xeito activo.
  • Reivindicamos profesional e socialmente a importancia do desenvolvemento comunitario e a educación ambiental en clave pedagóxica e social nos contextos locais, incidindo nas súas posibilidades transformadoras.

Cremos que o desenvolvemento comunitario e a educación ambiental son ámbitos básicos para comprender e situarnos neste contexto de crise sistémica permanente que nos tocou vivir.

Porque pensamos que estas vías nos servirán de axuda para afrontar todo o que está por vir.

Porque precisamos valorar e coidar o planeta no que vivimos, mais recoñecendo a relevancia que ten a acción socioeducativa en clave local e comunitaria.

Hoxe, e todos os días do ano:

Sen Educación non hai transformación

Somos Educación Social

A Eira do Ceesg.
Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.
5 de xuño de 2020. Día Mundial do Medio Ambiente.