Acordos do Cecop do 14 de abril de 2020

28 - 06 - 2023

A Xunta de Galicia vén de publicar no DOG do 17 de abril aos últimos acordos do CECOP, entre os cales destacamos algún deles:

  • Posta á disposición daquelas asociacións e clústeres que así o requiran da posibilidade de adherirse ao sistema de compras organizado pola Administración autonómica, coa finalidade de garantirlles a subministración de máscaras. Procedemento de adhesión e pagamento.
  • Modificación e ampliación de medidas para favorecer as persoas demandantes inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia:
  1. Non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de xuño de 2020.
  2. Para a realización de trámites urxentes na demanda de emprego amplíanse os servizos telemáticos á disposición da cidadanía: novo formulario web para a tramitación de altas iniciais e ampliación dos servizos para a reactivación da demanda a través da Oficina Virtual de Emprego Galicia. Estes dous servizos, xunto coas restantes medidas acordadas pola Xunta de Galicia en favor das persoas demandantes de emprego e os datos de contacto da rede de oficinas de emprego, están dispoñibles no Portal de emprego de Galicia: https://emprego.xunta.gal.
  • Proposta para que todos os autónomos poidan ser beneficiarios das axudas públicas, independentemente do seu réxime de cotización.
  • Guía preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Establece o protocolo interno de actuación á hora de abordar a prevención da infección do coronavirus desde a óptica da súa prevención no eido laboral, así como establecer os mecanismos de protección das persoas traballadoras, con especial referencia aos potencialmente sensibles.

Está expresamente excluído do ámbito de actuación do Servizo de Prevención de Riscos Laborais e, polo tanto, desta guía de actuación o persoal do Sergas dos centros sanitarios e o persoal destinado en centros docentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como aqueles outros entes ou organismos que contan con servizo de prevención propio ou alleo.

O punto 3.2 e o anexo II do documento céntranse nas tarefas realizadas polo persoal vinculado aos centros de atención a persoas con discapacidade, residencias de maiores e centros asimilados da Consellería de Política Social, onde o persoal se encadra nalgunha das seguintes tipoloxías:

  • Persoal sanitario e asistencial: médica/o, DUE, auxiliar de enfermaría, coidador/a, auxiliar coidador/a.
  • Persoal técnico: psicóloga/o, traballador/a social, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, educador/a, animador/a sociocultural.
  • Persoal de servizos xerais: mantemento, cociña, ordenanza, administración, camareira/o—limpador/a.

A guía pode consultarse no anexo II da resolución (enlace a continuación). Tamén incluímos un enlace no ‘Repositorio de documentos técnicos sobre estado de alarma e COVID-19’

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade de diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 14 de abril de 2020. (DOG nº 74 do 17/4/2020)