Medidas en materia de recursos humanos nos servizos sociais antea crise COVID-19

28 - 06 - 2023

O pasado sábado 28/03/2020 publicouse no BOE a Orde SND/295/2020, de 26 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos no ámbito dos servizos sociais ante a situación de crise ocasionada polo COVID-19.

Esta norma contempla unha serie de medidas dirixidas a protexer o benestar, a saúde e seguridade da cidadanía e a contención da progresión da enfermidade.

Debido á situación crítica dos colectivos destinatarios dos servizos sociais, que precisan dunha atención ineludible e inaprazable, e ante a grave situación de falta de persoal que se está producindo nos centros e entidades públicos e privados acreditados que provén de tales servizos sociais esenciais, faise preciso adoptar unha serie de medidas en relación cos recursos humanos deste sector que garantan a adecuada e debida asistencia dos sinalados colectivos.

Esta Orde establece medidas especiais en materia de recursos humanos para a garantía do correcto funcionamento do sistema de servizos sociais no seu conxunto e a continuidade dos mesmos, en desenvolvemento e aplicación do previsto no Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma.

  • É de aplicación a todos os centros e entidades que presten calquera dos servizos contidos no Catálogo de Referencia aprobado por Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do SAAD o 16 de xaneiro de 2013, con independencia da súa titularidade, así como aos seus traballadores e traballadoras calquera que sexa a natureza da súa relación contractual ou administrativa. Os centros e entidades de titularidade privada terán a consideración de operadores de servizos esenciais.
  • O Imserso e as comunidades autónomas –nos seus respectivos ámbitos de competencia en materia de servizos sociais- poderán adoptar as medidas necesarias para a protección das persoas, bens e lugares, podendo impoñer ás traballadoras e traballadores a prestación de servizos extraordinarios, xa sexa en razón da súa duración ou da súa natureza.
  • As medidas que se adopten deberán contribuír á correcta prestación dos servizos sociais obxecto desta orde e utilizar de maneira racional os recursos humanos dispoñibles, debendo atender aos principios de necesidade e proporcionalidade. As medidas non serán de aplicación ás mulleres embarazadas.
  • O persoal contará con acreditación expedida pola súa entidade ou empresa para que lle sexan de aplicación os supostos de circulación pola vía pública.
  • As medidas poderán dirixirse á encomenda de funcións distintas ao posto de traballo, categoría ou especialidade, se ben preferentemente serán similares ou análogas ás que viñan desempeñando e tendo en conta a capacitación profesional. Tamén poderán adoptarse medidas de redistribución de efectivos e cambios de centro de traballo sempre que non comporten mobilidade xeográfica do traballador ou traballadora.
  • Todo o persoal de servizos sociais, independentemente de que xa estea prestando servizos na modalidade de teletraballo ou outras, deberá estar dispoñible para ser requirido en calquera momento para a prestación de tarefas presenciais, con excepción daquelas persoas que se atopen en situación de illamento domiciliario por  COVID-19. O anterior tamén afecta ao persoal administrativo mínimo imprescindible para o desenvolvemento dos servizos.
  • Poderán adoptase as medidas que se consideren precisas en materia de xornada de traballo e descanso, permisos, licenzas e vacacións e reducións de xornada.

Medidas excepcionais para a contratación ou reincorporación de persoal:

  • É de inmediata aplicación o Acordo do 20 de marzo de 2020 do Consello Territorial de Servizos Sociais e do SAAD, polo que se modifican temporalmente os criterios comúns de acreditación para garantir a calidade dos centros e servizos do SAAD.
  • Autorízase, previa valoración pola autoridade competente da oportunidade da medida e da idoneidade do traballador, á contratación temporal, a xornada parcial ou completa, de persoal que se atope cursando o último ano dos estudos requiridos para a prestación dos correspondentes servizos nos distintos ámbitos do sector dos Servizos Sociais e do SAAD e que, en consecuencia, non teña o preceptivo título académico ou da habilitación profesional correspondente.
  • O persoal con dispensa absoluta de asistencia ao posto de traballo por exercicio de funcións sindicais deberá reincorporarse de forma temporal para desempeñar as súas funcións en atención á situación xerada polo COVID-19. A reincorporación destas/es traballadoras/es non suporá o cesamento do persoal substituto que puidese existir.

Esta orde terá efectos dende o mesmo día da súa publicación no BOE (28/03/20) e ata a finalización do estado de alarma e as súas posibles prorrogas.

COMPROMISO E IMPLICACIÓN PROFESIONAL

Os servizos sociais esenciais que seguen prestándose durante o estado de alarma están en relación cos dereitos e intereses do colectivos sociais máis vulnerables, cos que dende a Educación Social debemos implicarnos como profesionais ao servizo da cidadanía.

Recordamos o principio de coherencia institucional, recollido no Código Deontolóxico da Educadora e o Educador Social, que establece que o/a educador/a social coñecerá e respectará a demanda, o proxecto educativo e regulamento de réxime interno da institución onde traballa.

Así mesmo, son salientables os seguintes artigos:

  • Artigo 22. Coñecerá e respectará os principios ideolóxicos, compartirá o proxecto educativo e será consecuente coas normas existentes na institución onde realiza o seu traballo profesional.
  • Artigo 24. Na súa práctica profesional, colaborará cos distintos servizos existentes na comunidade vinculando as institucións co fin da optimización dos recursos e da mellora da oferta dos servizos socioeducativos.

A actual situación supón un reto que non é doado de abordar para entidades, centros e profesionais, e debemos afrontalo coa maior profesionalidade, compromiso e vocación de servizo.

Ver código deontolóxico