Manifesto CGCEES polo Día Internacional da Educación Social 2020
Este ano conmemoramos o Día Internacional da Educación Social nun contexto de pandemia e de crise sanitaria, económica e social, global. Se algo nos caracteriza ás Educadoras e os Educadores Sociais é a capacidade que adquirimos para traballar en situacións de crises, fomos crecendo ante a adversidade, enfrontando momentos e situacións políticas, económicas e sociais que dificultaron, e dificultan, o desenvolvemento da nosa profesión.
Unha profesión esencial, é dicir, necesaria para traballar coas persoas e cos colectivos, onde achegamos, e achegamos nestes momentos, a nosa presenza e acompañamento profesional ás persoas que se atopan nos recursos residenciais ou na súa contorna, e nos momentos máis críticos estivemos e estamos presentes, sen a visibilidade e o recoñecemento que mereciamos tanto nos medios de comunicación como nas axendas políticas.
Seguimos, igual que outros colectivos profesionais, nunha situación de precariedade, ante a que temos que traballar conxuntamente para a regulación das profesións da intervención social, regulación que facilitará o acceso aos dereitos fundamentais da cidadanía, e garantirá un traballo de calidade e profesionalidade. Necesitamos e solicitamos o apoio das entidades que forman parte das mesas de negociación colectiva, organizacións sindicais e empresariais, e das Administracións públicas.
Necesitamos o respaldo e o compromiso das universidades no desenvolvemento desta profesión. Os estudos que a acreditan academicamente levan case trinta anos implantados nas Facultades de Educación de todo o Estado, polo que urxe a revisión dos plans de estudo e a adecuación ás competencias que require a súa praxe, entendendo que o traballo con persoas esixe unha formación actualizada e de calidade ante a complexidade das situacións que xera a sociedade e coas que traballamos diariamente. Por todo iso solicitamos o cumprimento efectivo da Lei de Colexios Profesionais en canto á participación do CGCEES no desenvolvemento dos plans de Estudo da Educación Social.
Esperamos o apoio político que solicitamos aos grupos parlamentarios no Congreso das Deputadas e dos Deputados. O futuro da profesión e das políticas sociais, educativas e sanitarias depende das súas decisións lexislativas, entre elas a incorporación da nosa figura profesional na LOMLOE, na Lei de Protección á Infancia e á Adolescencia fronte á Violencia, nas Leis de servizos sociais, na Lei de Mediación e na modificación do regulamento penal.
É o momento de impulsar e aprobar unha Lei que regule o exercicio do dereito á Educación Social, como solución definitiva ás reformas parciais, e que sitúe a profesión no lugar que lle corresponde.
Solicitamos ás persoas que ostentan responsabilidades políticas, en todos os ámbitos, que usen a súa capacidade de mediación e diálogo para afrontar a situación que vive a cidadanía. Requírese unha reflexión dos modelos existentes, na que o obxectivo prioritario sexa a cohesión social e o acceso aos dereitos fundamentais, e para iso, as Educadoras e os Educadores Sociais seguimos dispostas/os a traballar e colaborar, como sempre fixemos.
POR UNHA SOCIEDADE IGUALITARIA
A EDUCACIÓN SOCIAL IMPRESCINDIBLE E REGULADA
#LaEducaciónSocialesESENCIAL
#EdusoDay2020