Comunicado ante os suicidios de adolescentes nas últimas semanas

28 - 06 - 2023

COMUNICADO DO COLEXIO DE EDUCADORAS E EDUCADORES SOCIAIS DE GALICIA ANTE OS SUICIDIOS DE ADOLESCENTES NAS ÚLTIMAS SEMANAS

Grupo de traballo Fiadeiras


Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) queremos trasladar o noso pesar e solidariedade coas familias de Cristian e Nerea polos terribles feitos acontecidos nas pasadas semanas.

Igualmente, queremos expresar a nosa preocupación ante as circunstancias que levan a dúas persoas novas a quitarse a vida pola intolerancia e maltrato que esta sociedade perpetúa contra quen expresa o seu desexo sexual ou a súa identidade de xénero de forma diversa e diferente aos modelos de masculinidade e feminidade tradicionais.

Neste contexto, queremos pór de manifesto que:

  • Tal como marca a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, a prevención debe ser unha das accións prioritarias para evitar a aparición de condutas de acoso e discriminación no ámbito escolar. Desde o Ceesg, valoramos o compromiso da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de encher as aulas de liberdade para que cadaquén poida ser e sentir sen medo nin violencia.
  • Seguindo o expresado polo Movemento Galego da Saúde Mental, no seu comunicado polo Día Mundial da Prevención do Suicidio 2020, necesitamos “datos de calidade que axuden a coñecer con maior precisión as circunstancias e características sociodemográficas que permitan avanzar en actuacións preventivas máis precisas e eficaces”.
  • As leis, os observatorios e os protocolos precisan de profesionais con cualificación para a súa efectividade, fican en papel mollado se non se destinan recursos públicos para a súa aplicación práctica de xeito constante e sistemático. O profesorado en moitas ocasións non é quen de asumir a responsabilidade que se deriva deste tipo de medidas.
  • É preciso abordar as condutas de odio e o acoso escolar desde a intervención socioeducativa, algo que está a fallar dentro do sistema educativo galego.
  • Precisamos actuacións coordinadas entre o profesorado e profesionais da educación social nos centros educativos, que permitan a implementación de intervencións socioeducativas integrais e sistémicas, dotadas dos recursos necesarios. Para que esta coordinación sexa efectiva, precisamos educadoras e educadores sociais nos centros educativos, na liña doutras comunidades autónomas como Estremadura, Castela A Mancha, Baleares, Canarias, Andalucía ou Cataluña.
  • Evidénciase a necesidade de apostar por programas de mediación e acompañamento socioeducativo, desde un enfoque comunitario e integral que atenda ao conxunto da comunidade educativa –alumnado, profesorado, familias, axentes sociocomunitarios-. As charlas educativas e os obradoiros puntuais non son suficiente garante para a prevención de condutas de acoso nos centros educativos.
  • A Educación Social é un dereito fundamental das persoas que participan nos centros educativos: dereito á convivencia e á protección social, dereito a unha intervención socioeducativa integral, contextual e preventiva ante situacións de acoso ou ciberacoso; que promova unha resolución alternativa de conflitos;  a igualdade e a diversidade, a educación afectivo-sexual-emocional, a prevención dos delitos de opresión e odio, etc.

Porque os gobernos teñen a obriga de establecer medidas para reducir o impacto dos suicidios, entre elas garantir un sistema educativo público, de calidade, coeducativo, feminista, inclusivo e diverso, LGBTIQ+.

Desde o Ceesg seguiremos solicitando, a nivel autonómico, un proxecto piloto para a incorporación da figura da Educación Social nos centros educativos, como recurso para a prevención do acoso escolar e para evitar que se produzan situacións como as que viviron Nerea e Cristian.

Fiadeiras. Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia

14 de outubro 2020