Maiores e pandemia
O 2020 está sendo un ano atípico onde toda a sociedade está a sufrir os efectos dunha pandemia que afecta a todos os niveis (sanitario, económico, social…). Como consecuencia, un dos colectivos que está a sufrir en maior medida estes danos é o das persoas maiores, tanto aquelas que habitan no seu domicilio coma aquelas que se atopan en situación institucional.
Falar de persoas maiores e coronavirus é falar de crise, morte, soidade, desamparo, deterioro. Unha infinidade de aspectos negativos que fan que tanto as persoas maiores como as súas familias se vexan obrigadas a facer fronte a situacións moi complexas, na maior parte dos casos difíciles de soportar.
O inicio da pandemia cebouse con miles de mortes de persoas maiores en residencias, padecendo a falla de acordos por parte das administracións e nalgúns casos das empresas que xestionan ditos centros; observamos tamén como multitude de persoas non puideron acudir aos centros de día ou centros sociocomunitarios vendo interrompidas as súas terapias e intervencións destinadas á atención das súas necesidades. A afectación cognitiva e física foi e é máis que evidente. De maneira colateral as familias tamén se viron afectadas, pois esta imposibilidade de acceso a certos recursos necesarios imposibilitaba tamén a conciliación familiar.
Triste é que esta non é unha realidade do pasado; continuamos aumentando a cifra de persoas falecidas e a soidade das persoas maiores convértese na protagonista desta terrible historia.
As persoas maiores como persoas de pleno dereito están vendo afectado o acceso a unha sanidade pública de calidade. Como profesionais da Educación Social consideramos que debe producirse, con urxencia, un cambio de modelo, centrado e adaptado ás necesidades reais das persoas.
Dende o Geix (Ceesg) seguimos reclamando que dende a Administración se vele polo benestar das persoas maiores e das súas familias, tanto a nivel sanitario como social. Pedimos unha intervención sociosanitaria real, onde todos os axentes implicados (médicos/as de atención primaria, traballadoras e traballadores de servizos sociais, de institucións, hospitais, así como a comunidade e entorno próximo) traballen de xeito interdisciplinar baixo un modelo onde exista unha relación de axuda mutua e onde o modelo de atención centrada na persoa sexa a metodoloxía de traballo. Hai que formar aos equipos interdisciplinares en modelos onde se priorice a persoa e non se esqueza a parte social e emocional do traballo con estas persoas; debe facilitárselles formación e recursos para que as intervencións sexan máis enriquecedoras e humanas.
Cremos que as persoas maiores son merecedoras dunha intervención sociosanitaria de calidade, interdisciplinar e que traballe baixo unha estratexia de intervención común. Só así chegaremos a acadar un benestar e calidade de vida pleno. Mudemos a folla de ruta deste ano 2020. A Educación Social é quen.
Grupo de Estudos e Intervención Xeragóxica
Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia
Outubro 2020