Solicitamos á Xunta que fixe datas para as oposicións de 'educador/a'

28 - 06 - 2023

Dende o Ceesg demos traslado á Xunta de Galicia dun escrito no que expoñemos a necesidade de fixar a data das probas de oposición para a especialidade de ‘Educadores/as’ do corpo facultativo de Servizos Sociais. Opositores e opositoras de Educación Social están sendo desoídas pola administración e expostas a unha situación de inseguridade. Por isto, dende o Ceesg se solicita que na maior brevidade posible se estableza unha calendarización das probas de oposición, tendo en conta que se realicen nun ambiente de seguridade.

Insistimos na reclamación de que as prazas de ‘Educador/a’ se vinculen unicamente á titulación universitaria de Educación Social, e sinalamos ademais que é necesario que a Xunta de Galicia se responsabilice da situación que se está a producir, pois a grave situación sociosanitaria está a favorecer que espazos dedicados a coidados de nenas e nenos se vexan innecesariamente expostos a situacións de clara desprotección.

A Educación Social é a profesión que na actualidade está capacitada para, dende a profesionalidade, levar á práctica accións socioeducativas adecuadas ás vulnerabilidades de nenas e nenos e realizar un traballo directo ao seu carón.