Manifesto polo Día da Diversidade Funcional
Dende a Educación Social expresamos noso sentir solidario coas persoas con Diversidade Funcional que especialmente nestas últimos meses viron menoscabados seus dereitos e liberdades no entorno da pandemia Covid-19. Momentos nos que os efectos da alerta sanitaria foron en ocasións fatais e en xeral nefastos para todas. Particularmente, no que abrangue ao ámbito socioeducativo asistimos con estupor á omisión da dignidade humana cando se pecharon os servizos á cidadanía e de coidados autónomos. Situación que non chagou a mellorarse completamente na denominada “Nova normalidade” onde os procesos e xestións cívicos necesarios para a calidade de vida se reduciron en accesibilidade, en tempo de resposta e en calidade de atención.
Na Educación Social, consideramos que é imprescindible a presencia da nosa figura nos servizos multidisciplinarios e nas organizacións que prestan atención na Diversidade Funcional para garantir o bo trato e as funcións de asistencia persoal, acceso á información e recursos garantindo o principio de autonomía no exercicio do proxecto de vida.
Queremos estar na promoción da autonomía persoal e da participación social; no acceso e consolidación do emprego, no soporte á dinámica familiar e na asistencia persoal; no acceso á cultura e ao deporte; na promoción da accesibilidade universal e o deseño para todos; na prevención da soidade non desexada; no acompañamento aos servizos sociais e de saúde.
Queremos que as persoas con Diversidade Funcional accedan a postos de toma de decisión tanto nas organizacións nas que participan como nas empresas nas que traballan.
Queremos estar ao carón das persoas para crear xuntos un mundo máis equitativo, un mundo en Diverdade.
Que o día de hoxe nos sirva para ollar á nosa contorna e observar que a diversidade é un valor social fundamental e a Educación Social a súa garantía.
Grupo de Traballo Diverdade.
Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia
3 de decembro de 2020