Bolsa de proxectos de formación para 2021
A formación complementaria é imprescindible para mellorar a empregabilidade das/os profesionais e para procurar a mellora permanente no exercicio da Educación Social.
A través desta convocatoria, o Ceesg, por unha banda, nutre o seu plan de formación dirixido a profesionais da Educación Social, e por outra, abre a posibilidade de iniciarse ou consolidar unha traxectoria profesional no eido docente a quen teña ese interese.
Tanto nos últimos meses do 2020 como na aproximación ao vindeiro 2021, viñemos realzando maioritariamente de maneira telemática as nosas actividades grupais do Colexio para favorecer unha contorna de seguridade sanitaria para as participantes. Por este motivo vémonos na necesidade de promover a modalidade en liña para proxectar a actual Bolsa de Formación.
Animámosvos a facer realidade os vosos proxectos neste novo contexto, pese a que a relación virtual dista moito da presencial e implica modificar tanto contidos como actividades; así, grazas a todas acadaremos poder continuar co noso desenvolvemento profesional, e mesmo poderemos chegar aos lugares onde antes era máis difícil.
As persoas interesadas poden presentar un ou varios proxectos formativos a impartir a través do Ceesg, no prazo e forma estipulado nestas bases. O Ceesg seleccionará os proxectos que considere máis axeitados para engadir no seu Plan de traballo 2021, a aprobar na asemblea do Ceesg. Escolleranse dúas propostas, aínda que a convocatoria podería quedar deserta no caso de que estas non acaden a calidade suficiente.