Convive.COMigo busca persoas ou familias para convivencia educativa con adolescentes

28 - 06 - 2023

O Programa CONVIVE.COMigo que se desenvolve na provincia de Pontevedra ten a finalidade de continuar nutrindo o banco do programa con de persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teña a obriga de cumprir a medida xudicial de 'Convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo’.

A través deste programa, xestionado por Arela, búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades. Un ambiente socializador e positivo permitiralles ás/aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.

Os requisitos para formar parte deste programa son: ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade… A súa vez, valorase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia, formación de carácter xurídico .

ARELA ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento, con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40€ diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa.

Dende a Páxina web de ARELA (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, así como dende o teléfono da súa sede central, 986 21 25 37 ou a través do correo electrónico convive@arela.org

*ARELA é unha asociación que leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA) coa Consellería de Política Social.