Convocatoria prazas Deputación da Coruña
A Deputación da Coruña publicou recentemente a convocatoria para a contratación de 12 prazas de ‘Educador/a infantil’ (BOP do 12/03/2021)
Xa en varias ocasións o Ceesg ten reclamado a adaptación da RPT e dos equipos educativos nos centros de atención á infancia titularidade da Deputación da Coruña (e máis concretamente no caso do Fogar Emilio Romay), tendo constatado que tanto as titulacións esixidas como a propia composición dos equipos non se axustan á realidade académica nin ao que se pode considerar axeitado para unha atención de calidade.
A Educación Social é unha profesión definida, cun corpo formativo consolidado e ofertado pola maioría das universidades españolas, polo que non ten sentido que continúen dándose situacións coma esta, nas que equipos profesionais que se supón deberían ser especializados teñen unha composición inadecuada e academicamente insuficiente.
Afondando na convocatoria citada anteriormente, chama poderosamente a atención que tratándose dun posto de ‘Educador/a infantil’ (recordemos que a Educación infantil esténdese dos 0 aos 6 anos) o temario alude ao tramo de idade 0-12.
As administracións públicas, neste caso a Deputación da Coruña, deben garantir que as e os menores sexan atendidos do xeito máis adecuado, por iso, o Ceesg vén de interpoñer recurso de reposición á convocatoria para a súa rectificación.