O Ceesg saúda os novos pasos das institucións públicas a prol do recoñecemento da Educación Social
Son poucos, pero cada vez son máis os recoñecementos da nosa profesión. A Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias incluiu nunha convocatoria recente once prazas, como persoal laboral fixo, de Educación Social.
É unha boa nova a inclusión desta figura no proceso selectivo, porque entende que a participación da Educación Social facilita o cumprimento do artigo 25.2 da Constitución, no que se proclama que as penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estean encamiñada á reeducación e reinserción social. É tamén un novo paso dun longo camiño no que os Colexios Profesionais levamos tempo avanzando a través do órgano común, o CGCEES, coa intención de acadar o obxectivo final: a inclusión das educadoras e educadores sociais no sistema penitenciario a coa tramitación da Lei da Función Pública Penitenciaria. Precisamente o CGCEES mantivo unha xuntanza no mes de xullo coa Secretaria Xeral do organismo, á fin de avaliar o seguemento do estado da súa tramitación.
Mais esta non é única nova recente neste sentido: o pasado 28 de xullo o Instituto de Maiores e Servizs Sociales (IMSERSO) anunciaba a publicación dunha convocatoria cunha praza específica para profesionais da Educación Social, ao igual que o Ministerio de Xustiza, para o corpo de Administración Xeral do Estado, abría unha convocatoria na que se anunciaban cinco prazas de persoal laboral para a nosa profesión.
Cada paso na visualización do recoñecemento social e profesional da Educación Social importa. É unha nova porta que se abre para o exercicio profesional e que redundará, finalmente, no benestar da cidadanía.