IX Invernada de cine de Cabreiros

28 - 06 - 2023

Un ano máis o Ceesg colabora coa Invernada de Cine de Cabreiros, que vai xa pola súa IX edición. Unha iniciativa de carácter cultural promovida pola asociación de veciños desta parroquia xermadesa e a Universidade de Santiago, coa colaboración do Ceesg e financiamento da Deputación de Lugo e o Concello de Xermade.

O Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia encargarase da presentación doa primeira das proxeccións, o vindeiro 23 de outubro. ‘A poeta analfabeta’, baixo a dirección de Sonia Méndez, é o documental que inaugurará a invernada, cunha temática que nos achega á figura de Luz Fandiño, poeta e activista compostelá, nacionalista e feminista que se viu na obriga de emigrar na época franquista pero nunca perdeu de vista Galicia, onde retornou anos máis tarde, rematada a ditadura.

A IX Invernada de Cine de Cabreiros estrutúrase en 6 sesións que se desenvolverán entre o 23 de outubro e o 18 de decembro e que inclúen non só proxeccións audiovisuais, senón tamén outras actividades como un espectáculo de maxia, un monólogo, unha peza teatral e a presentación dun libro.

O aforo está limitado, polo que é necesario anotarse previamente chamando ao 686 104 780 ou 606 282 251.

Máis información no seu perfil de facebook