Preguntas frecuentes sobre as eleccións do Ceesg

28 - 06 - 2023

A partir de marzo de 2026 comezará unha nova lexislatura de goberno no Ceesg, cun equipo de persoas (a Xunta de Goberno) que debe ser elixido democraticamente, e que dirixirá o colexio durante os vindeiros catro anos.
A continuación aclaramos algunhas dúbidas sobre este proceso:

QUE FAI A XUNTA DE GOBERNO?
A Xunta de Goberno é responsable do funcionamento da entidade, pois é o órgano que toma as decisións estratéxicas e deseña as políticas e liñas de traballo.

ONDE E CANDO SERÁN AS ELECCIÓNS Á XUNTA DE GOBERNO?
O 14 de marzo de 2026, de 10:00 a 12:00 h.
En Santiago de Compostela, na Casa das Asociacións de Cornes. Rúa Manuel Beiras, 3 - ver localización)

QUEN PODERÁ VOTAR?
Todas as persoas colexiadas que estivesen en pleno uso dos seus dereitos o día anterior á convocatoria oficial de eleccións (18 de decembro de 2025). O censo electoral pode consultarse na web.

PÓDESE VOTAR POR CORREO?
Si. Xunto coa notificación de proclamación de candidaturas válidas, recibirás información detallada de como facelo, así como o sobre e papeletas oficiais. Recorda actualizar o teu enderezo postal se cambiaches de domicilio e aínda non o notificaches ao Ceesg.

PODO DELEGAR O MEU VOTO?
Non. A delegación de voto só pode facerse para a participación nas Asembleas colexiais, pero non para as eleccións.

QUEN PODE PRESENTAR CANDIDATURA?
Todas as colexiadas e colexiados que estivesen en pleno uso dos seus dereitos o día anterior á convocatoria oficial das eleccións, excepto para poder optar aos cargos de Presidencia e de Tesourería, casos nos que se esixe, como mínimo, un ano de colexiación.

COMO SE PRESENTA UNHA CANDIDATURA?
Cada candidatura constará dunha lista pechada e completa cos nomes das candidatas e candidatos, especificando aquelas/es que opten á Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría, Tesouraría, e dun mínimo de 5 e un máximo de 15 vogais. Poden presentarse ata o día 20 de xaneiro de 2026 a través dun escrito dirixido á Xunta de Goberno.

CANDO SE COÑECERÁN AS CANDIDATURAS VÁLIDAS?
O 6 de febreiro de 2026, mediante notificación e publicación na web.

QUE PASA SE SÓ SE PRESENTA UNHA CANDIDATURA?
Mantéñense as eleccións o día e hora fixados. Neste caso, as papeletas recollerán a opción de voto favorable, desfavorable ou en branco. De seren os votos negativos maiores que os positivos, volverase abrir o prazo de presentación de candidaturas e, transcorrido este, se non existisen máis candidaturas, a candidatura primeira será proclamada.

QUEN COMPOÑERÁ A MESA ELECTORAL?
A mesa electoral estará constituída por unha/un presidenta/e, dúas/dous vogais e unha/un secretaria/o, designadas/os por sorteo entre as persoas electoras. Tamén se elixirán 2 suplentes para cada cargo da mesa electoral. Designaranse por sorteo público entre todas as persoas con dereito a voto (excepto as persoas candidatas) O sorteo público realizarase o día 11 de febreiro de 2026 ás 10:00 h. na sede do Ceesg.

COMO SE EFECTUARÁN AS VOTACIÓNS?
Os votos deben efectuarse coas papeletas e sobres oficiais emitidas polo colexio. No momento de votar será necesario identificarse na mesa electoral co carné de colexiada/o ou DNI, e depositar o voto nunha urna precintada.

ONDE PODO ATOPAR TODA A INFORMACIÓN?
Toda a información sobre o proceso electoral regúlase nos estatutos do Ceesg, e está reflexada na convocatoria de eleccións.
A documentación que se vaia xerando relacionada co proceso electoral, publicarase como nova na web do Ceesg (enlace directo dende a sección "Transparencia").


DATAS CLAVE

2025
  • 11 de outubro: Acordo da Xunta de Goberno da celebración de eleccións.
  • 19 de decembro: Envío da convocatoria de eleccións. Publicación do censo.
2026
  • 20 de xaneiro: Fin do prazo de  presentación de candidaturas.
  • 6 de febreiro: Proclamación de candidaturas válidas.
  • 11 de febreiro: Sorteo público para a elección de integrantes da mesa electoral.
  • 14 de marzo: Votación.