Artivismo feminista e promoción da cultura da paz. Faladoiro con Yezli Mic e Queen
Dende o ano 1997, calquera tipo de aborto é penalizado no Salvador, con penas de prisión. Segundo datos do seu Ministerio de Saúde, no ano 2017 3.771 mulleres foron atendidas por violencia machista, case o 75% delas era menor de 19 anos. O 28% de embarazos neste país son de nenas e adolescentes de entre 10 e 19 anos.
O activismo feminista do Salvador vertebra un movemento de oposición, para a despenalización do aborto, que abrangue dende a loita legal para a defensa das mulleres privadas de liberdade até accións de sensibilización. Entre estas voces disidentes e reivindicativas destacan, entre outras, as músicas QUEEN e YEZLI MIC, que na súa estancia en Galicia farán unha parada na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, para achegar ao alumnado de Educación Social e a calquera outra persoa interesada, a súa visión e experiencia.
O faladoiro terá lugar o vindeiro 7 de abril de 13:30 a 14:30 no Salón de Graos da Facultade, organizado polo alumnado do PIC Ceesg da Universidade da Coruña, en colaboración coas ONG Solidariedade Internacional de Galicia, Asemblea de Cooperación pola Paz e Agareso.
Data: 7 de abril.
Horario: de 13:30 a 14:30 h.
Lugar: Salón de Graos da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña (Campus de Elviña).
Entrada libre ata completar aforo.
Yeli MIC.
Cantante, compositora e activista feminista.
Yesenia Karmelina Martínez Ayala ten 24 anos. Conta cunha ampla traxectoria musical, de máis de 8 anos. As súas letras baséanse no acontecer da vida cotiá da xuventude do seu país, nas loitas sociais da muller e no empoderamento a través do exercicio e reivindicación dos seus dereitos, así como a denuncia das políticas do seu país.
Queen
Cantante, compositora e activista feminista.
Jennifer Alisson Serrano Rivas (2000) conta cunha traxectoria musical de máis de 6 anos dentro da cultura do Rap. Impartiu obradoiros en escolas públicas do seu país e foi parte do proxecto ‘La Voz de las Chicas’ do centro de América, realizando obradoiros para nenas e de zonas marxinais, co propósito de visibilizar as súas realidades por medio do Rap.
Como integrantes de Hip Hop Femenino El Salvador, ambas dedícanse, xunto ás súas compañeiras, a impartir foros, charlas, talleres e concertos sobre os Dereitos Humanos, as loitas sociais, a visibilización dos diferentes tipos de violencia cara a muller, á vez que mostran o Hisp Hop como unha ferramenta para o activismo (Artivismo) e a promoción para a paz.