Convenio con Down Galicia
O CEESG súmase a Down Galicia na procura dun envellecemento activo e saudable para as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais
A Federación Down Galicia e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración que ten por obxecto a suma dos seus esforzos para a posta en marcha e desenvolvemento de distintas medidas relativas ao avance no proceso de envellecemento activo e saudable das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, así como á promoción da súa correcta atención sociosanitaria.
Este acordo céntrase en propostas como o intercambio de información sobre o colectivo de persoas con discapacidade intelectual na etapa do envellecemento e as súas necesidades, o deseño e posta en marcha de programas de envellecemento activo e saudable, a busca de fórmulas para mellorar o proceso de envellecemento do colectivo este proceso vital ou a promoción de accións que contribúan a unha maior visibilización, participación e inclusión das persoas maiores con discapacidade intelectual en programas e servizos da comunidade, entre outras.
O envellecemento das persoas coa síndrome de Down
Envellecer é un proceso natural para todas as persoas, mais non deixa de ser unha conquista para as persoas coa síndrome de Down. Nas últimas décadas apreciouse un espectacular aumento da súa esperanza de vida, superando en moitas ocasións os 60 anos.
Este logro vén derivado do estudo e do coñecemento exhaustivo da realidade e necesidades do colectivo, dando lugar a unha mellora exponencial da súa calidade de vida e, moi especialmente, a unha mellor e máis especializada atención no campo da saúde. Por suposto, tamén polas melloras na atención social a través de entidades de apoio, mediante as que se conseguiu previr a dependencia e aumentar as cotas de autonomía das persoas pertencentes a este colectivo.
Pero a realidade é que as persoas coa síndrome de Down experimentan un proceso de envellecemento acelerado, polo que a partir dos 40-45 anos comezan a presentar trazos típicos da poboación envellecida.
Asumir esta nova realidade implica introducir as medidas necesarias que contribúan a alcanzar esta etapa vital coa maior calidade de vida posible e que permitan planificar este momento da vida da forma máis idónea.
Para Down Galicia falar de envellecemento é falar de retos, pero tamén de futuro. A sociedade debe proporcionar ás persoas maiores con discapacidade as oportunidades que lles permitan ser o máis autónomas posible, gozar de boa saúde e ser produtivas, fomentando así o seu benestar e creando contornas ambientais máis propicias e favorables. Nisto ten un papel relevante a profesión de Educación Social, que pode realizar un acompañamento pedagóxico ás persoas e ás familias, e incidir ademais na sensibilización social para acadar unha sociedade máis inclusiva.
Sobre Down Galicia
Down Galicia e as súas entidades membro conforman o chamado Movemento Down Galicia. En total son sete entidades sen ánimo de lucro que traballan nun modelo de intervención baseado na prestación de apoios totalmente individualizados e personalizados a persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual ao longo de todas as etapas da súa vida.
Todas as entidades do Movemento Down Galicia están declaradas de utilidade pública e acollidas á Lei de Mecenado.