Novo número da revista RES. A Educación Social acompañando as infancias
Está dispoñible o novo número da Revista RES, Revista de Educación Social: Número 34. Monográfico: La Educación Social acompañando a las infancias
Enlace ao número
A Educación Social, nas súas diferentes configuracións (educación especializada, de adultos, animación comunitaria, sociocultural, popular…) e nas diferentes nomenclaturas históricas que asumiron os seus profesionais (vixiantes, coidadores e coidadoras, veladores e veladoras, celadores e celadoras, monitores e monitoras, educadores e educadoras, animadores e animadoras…), estivo sempre ligada ao acompañamento do momento biográfico e social que engloba a infancia. E aínda hoxe en día, un elevado número de educadoras e educadores sociais desempeñan o seu encargo profesional coa infancia. Inicialmente, en termos históricos, esta dedicación empezou en espazos institucionais dificilmente identificables como de recoñecemento e respecto (protección e corrección da infancia, sobre todo durante o franquismo no noso país), ampliando despois perfís de acompañamento socioeducativo desde o traballo comunitario, o tempo libre, a saúde, a cooperación internacional, os colectivos de persoas recentemente chegadas, a diversidade funcional, a colaboración coa escola (centros abertos) e ata, ultimamente, dentro da escola mesma, etc. cubrindo un corolario de infancias cada vez máis amplo.
O momento actual expón toda unha serie de retos derivados do cambio de época que nos está tocando vivir, coas dificultades de adaptación a unha realidade na que a transmisión é cada vez menos interxeracional (cuestionando así o lugar da educación) e máis entre iguais. O lugar da infancia, neste panorama, é central. As novas tecnoloxías, e sobre todo a comunicación instantánea que internet e a redes sociais posibilitan, están relacionadas con iso. E cunha difuminación das certezas que perden valor e substitúense pola emoción e a percepción individual, nunha carreira na que a “non verdade” e as “fakes” (a mentira) dominan un escenario onde a liberdade deveu un acto puramente individual, sen referentes nin contrapesos éticos nin sociais.
Os retos da nosa acción coas infancias, como educadoras e educadores sociais, pasan agora polo desenvolvemento de modelos e sistemas que contemplen esta etapa como unha máis da cidadanía e que estean baseados integralmente en dereitos e non en posicións tutelarizadoras ou paternalistas dos adultos.