Reclamación sobre a contratación de persoal educativo no centro Concepción Arenal
O pasado 23 de xuño publicouse no DOG a resolución da Consellería de Política Social e Xuventude convocando o procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade no centro de reeducación Concepción Arenal.
En dita resolución, indícase a respecto dos requisitos do persoal educador o seguinte: “Todo o persoal educador adscrito á execución destas medidas deberá estar en posesión dunha diplomatura ou titulación universitaria de grao en Educación Social, ou en materias propias ou relacionadas coa intervención educativa ou social, ou contar coa acreditación correspondente para o desempeño desta función”.
Dende o Ceesg enviamos unha solicitude á Consellería solicitando a modificación da resolución para que se respecte o establedico no IV Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores, convenio marco do sector, que establece que ‘Educador/a’ é unha categoría a extinguir, e calquera nova contratación deste tipo de persoal debe facerse na categoría ‘Educador/a social’. Ademais, recordamos que Educación Social é unha profesión titulada, e polo tanto para o seu exercicio debe contarse coa titulación universitaria de Educación Social ou habilitación profesional recoñecida por colexio profesional oficial.
Trátase non só de evitar o exercicio fraudulento da profesión, senón tamén, e sobre todo, de velar por unha atención adecuada e profesionalizada ás persoas destinatarias da acción socioeducativa.