Preséntase a Convivencia Interuniversitaria e Profesional da Educación Social
O pasado 22 de xullo presentouse en Ourense a Convivencia Iteruniversitaria e Profesional da Educación Social.
No acto participou Elena Rivo, Vicerreitora do Campus de Ourense, que destacou a complexidade de organizar actividades deste tipo e subliñou o interese de implicar nas actividades universitarias outros territorios, neste caso Asturias e norte de Portugal, e sobre todo zonas rurais.
Xosé Manuel Cid, Decano da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, subliñou a vocación deste centro de ‘trasladar a universidade ao exterior e recibir o que nos poida vir do exterior’. Sinalou ademais, que a universidade ‘non é só aprender catro materias senón tamén participar da cultura e da contorna’.
Deibe Fernández-Simo, vogal do Ceesg e coordinador do evento explicou en detalle unha convivencia que quere ‘pór en valor todo o que ten que ver coa Educación Social’. A iniciativa, dixo, ‘trata de rachar as barreiras que temos habitualmente entre as universidades’ facilitando espazos de encontro entre alumnado e profesionais.
A convivencia, que se celebra coincidindo co Día Internacional da Educación Social, contará cun intenso programa que inclúe un seminario de formación, actividades lúdicas e culturais, que procurarán propiciar o intercambio e a creación de redes.
A información detallada e fomulario de inscricións está na web do Ceesg