Xornadas de xestión cultural: Dalle xeito

28 - 06 - 2023

O alumnado de Educación Social da Universidade de Santiago organiza as Xornadas de experiencias culturais Dalle Xeito, nas que se pretende dar a coñecer experiencias prácticas de proxectos de participación e sociocultura; favorecer o coñecemento de ferramentas e metodoloxías para a acción educativa no ámbito da sociocultura; poñer en valor a cultura propia como elemento identitario, e promover a reflexión sobre o perfil profesional do/a Educador/a Social no quefacer cultural. Contan, entre outras, coa colaboración do Ceesg.

As xornadas desenvolveranse os días 21, 23 e 28 de novembro.
O luns 21 comeza a actividade na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) coa presentación do nº 82 da Revista Galega de Educación, o monográfico que leva por título ‘Cultura, territorio e socioeducación’ e que foi coordinado por integrantes do grupo de traballo sobre Animación Sociocultural e Xestión Cultural do Ceesg. Intervirán no acto, ademais de varios compoñentes do citado grupo, a autora dun dos artigos publicados na revista e a vicepresidenta do Ceesg.
Continúa o mércores día 23 na Facultade de Psicoloxía (aula 7 (XV Viqueira, módulo B), con mesas redondas nas que se presentarán diferentes experiencias culturais vinculadas á socioeducación, e que poñen o foco na música como ferramenta socioeducativa e intercultural e na participación cidadá dende fóra do sistema.
Para finalizar, o luns 28 de novembro, na contorna do Museo do Pobo Galego, poñerase de relevo a cultura popular e tradicional como elemento chave para a formación da identidade, contando para este peche con pasarrúas de música e baile, artesanía, xogos populares, tradición oral…

A participación nas xornadas é de balde con inscrición previa.

Ir ao formulario de inscricións

Twitter das Xornadas

Instagram das Xornadas