Próximo número da revista Galeduso: Educación Social e Renda Básica
Comezan os traballos do número 14, centrado en Renda Básica.
A participación no Consello de Redacción está aberta a toda colexiada/o que o desexe.
A Revista Galeduso é un dos principais soportes de comunicación do Colexio, vía de expresión das educadoras e dos educadores sociais, fonte de intercambio científico e profesional, contedor de experiencias e boas prácticas na Educación Social, xerador de propostas reivindicativas de mellora no noso campo profesional e na sociedade no seu conxunto. Dende o ano 2010 ten un carácter monográfico, abordando en profundidade os temas emerxentes na Educación Social, nos seus distintos ámbitos de actuación, dende a óptica da reflexión e investigación-acción, unindo praxe e teoría, como vía de transformación social.
O próximo número da Revista, o 14, será un monográfico sobre Educación Social e Renda Básica.
A Renda Básica pódese definir coma un ingreso regular que permite levar unha vida digna (suficiente) para cada membro da sociedade (universal) polo simple feito de ter nacido (incondicional) e xestionada por cada quen (individual).
En marzo do ano 2019, o Concello da Coruña e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia organizamos as xornadas ‘Renda básica: o novo dereito social necesario’, en colaboración co Colectivo pola Renda Básica da Coruña, a Universidade da Coruña e Praza Pública, co obxectivo de abrir o debate público e dar a coñecer á cidadanía esta idea tan necesaria para afrontar un futuro incerto.
Neste novo número da revista Galeduso queremos acoller os relatorios e os enfoques presentados nesas Xornadas, facendo eco desta proposta que ten cada vez maior relevancia no debate público e que pode supoñer modificacións no modelo de intervención dos servizos sociais e na intervención dende a Educación Social.
Se che gustaría participar no Consello de Redacción contacta co Ceesg antes do 31 de decembro (tlf. 981552206 ou ceesg@ceesg.gal).