Novos grupos de traballo no Ceesg
Os grupos de traballo son moi importantes para que dende o Ceesg poidamos abarcar actuacións en diferentes ámbitos de traballo.
Por iso, queremos abrir a proposta de creación de dous novos grupos de traballo, especializados en ámbitos que consideramos moi relevantes:
Renda Básica e Educación Social.
Educación Social en prisións.
Quen pode formar parte dun grupo de traballo?
Calquera persoa colexiada ou amiga do Ceesg. O único requisito é ter interese no eido do grupo e compromiso para participar.
Que fai un grupo de traballo?
Poden desenvolver distintas liñas de acción para a mellora da nosa profesión: elaboración de estudos e informes, organización de xornadas formativas e outras actividades de divulgación, creación de ferramentas de traballo, publicación de artigos… Así mesmo, poden ter un papel asesor aos órganos directivos e ao persoal do Ceesg sobre aspectos relacionado coa súa área de traballo.
Como funcionan os grupos de traballo?
Os obxectivos e actuacións de cada grupo de traballo defínense anualmente no plan que deben presentar á Xunta de Goberno para a súa aprobación e inclusión no Plan de traballo anual do Ceesg. Son as propias persoas do grupo quen establecen o xeito de estar en contacto.
Que facer para participar nos novos grupos?
Gustaríanos celebrar xuntanzas a mediados de febreiro, nas que xa poderían quedar constituídos os grupos de Prisións e de Renda Básica.
Se che interesa participar, ou queres informarte, escríbenos a servizos.colexiais@ceesg.gal ou chámanos ao 981552206. Estaremos en contacto coas persoas interesadas para marcar a data de xuntanza e poñernos en marcha.
En que outros grupos se pode participar?
Diverdade, centrado en diversidade funcional, está nun momento no que precisa sumar apoios para poder continuar a súa actividade. Se tes inquedanzas sobre este ámbito, poñerémoste en contacto coas persoas do grupo para falar polo miúdo e que decidas se o grupo é para ti.
Outros grupos que existen son: Animación sociocultural e xestion cultural, Miolo (saúde), Escaravallendo/aBeira (infancia e familias), Fiadeiras (feminismos), e Geix (persoas maiores).