Encontro formativo: SEAF 2023

28 - 06 - 2023

Dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg), en colaboración coa Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, queremos convidar ás educadoras e educadores sociais que traballan nos Servizos de Educación e Apoio Familiar dos concellos galegos á Acción Formativa SEAFs 2023, que organiza o Ceesg e que se incorpora dentro da formación específica promovida dende a Xunta de Galicia.
A intencionalidade deste encontro é fortalecer o traballo en rede das profesionais de Educación Social dos distintos concellos de Galicia polo que a xuntanza debe ter carácter presencial, para favorecer espazos de relación e coñecemento. O encontro formativo terá lugar na Residencia de Tempo Libre de O Carballiño os días 20 e 21 de abril do 2023.
Esta formación é financiada pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. A cota de inscrición corresponde unicamente ao gasto derivado polo prezo público de aloxamento e manutención.

Esta información foi enviada aos concellos galegos vía correo-e, coa petición de facela chegar ás persoas destinatarias, incluíndo o enlace de inscrición. No caso de que cumpras os requisitos de participación e non chegases a recibila, contacta con formacion@ceesg.gal para facilitarche o enlace ao formulario. Tamén está dispoñible o enlace no MATIASS.

  • Lugar: Residencia de Tempo libre do Carballiño.
  • Datas: 20 e 21 de abril de 2023.
  • Persoas destinatarias: educadoras/es sociais que traballen nos Servizos de Educación e Apoio Familiar dos concellos galegos.
  • Cota: 23,81€ (aloxamento e comidas). Sen comidas nin aloxamento: gratuíto.