Emisión gratuita en streaming: Apego e adversidade temperá
Un dos pratos fortes do encontro de educadoras/es sociais dos Servizos de Educación e Apoio Familiar que celebraremos no Carballiño dentro duns días é a formación sobre ‘Apego e adversidade temperá: unha mirada actualizada desde a intervención socioeducativa.
Anunciamos que esta formación será emitida por streaming na canle de youtube do Ceesg de xeito aberto e non é necesario inscribirse previamente.
Impartida por Agintzari, esta formación achegaranos, dende unha metodoloxía teórico-práctica e un enfoque dinámico, a:
- Comprender conceptos básicos sobre o apego e as súas funcións na relación.
- Afondar nos efectos das situacións adversas en idades temperás.
- Coñecer as características de menores con experiencias traumáticas.
- Reflexionar sobre aspectos a ter en conta na relación coas persoas usuarias.
- Achegar ferramentas de intervención.
O traballo con infancia e familia require de coñecementos e ferramentas especificas para poder intervir e reparar os danos causados polas neglixencias e/o malos tratos que se dan no ámbito familiar. Este ámbito caracterízase polo traballo con poboación especialmente vulnerable, xa sexan adultos e/o menores.
As familias cobren necesidades básicas de todos os seus membros: proporcionan vínculos seguros, realizan funcións nutricias, buscan o desenvolvemento e a protección social, facilitan os procesos de socialización… para que estes procesos leven acabo de forma optima hai que preservar os vínculos e as relacións interpersoais.
As e os profesionais da Educación Social debemos dotarnos de coñecementos e ferramentas que xeren unha intervención efectiva, co obxectivo de reparar a relación entre os membros da familia e paliar o dano xerado.
Estas intervencións baseadas na teoría do apego, nos elementos de adversidade temperá e os efectos que ten nas persoas afectadas, buscan cambios nas relacións co obxectivo de reparar as mesmas.
Neste espazo formativo vanse traballar conceptos teóricos que nos guíen cara a unha intervención efectiva de reparación da relación, creando espazos de reflexión conxunta.