Portelo único do Ceesg: un portal que facilitará as xestións e trámites co Ceesg.

03 - 07 - 2023

Intuitiva, dinámica e útil. Así é a nova experiencia dixital de Ceesg.gal.

O Ceesg estrea páxina web, incorporando importantes novidades que responderán ás necesidades do colexio e mellorarán a experiencia de navegación das colexiadas e colexiados, así como de calquera persoa ou entidade que precise realizar algún trámite co Ceesg.

Na nova web de Ceesg.gal ides atopar un site renovado, que conserva a estrutura e contidos previos, mais incorporando unha sede electrónica (o portelo único) que facilitará os trámites máis habituais (colexiación, modificación de datos persoais, solicitude de cota reducida, traslado de expediente, consultas...)

O despregue da nova web iníciase hoxe con varios trámites e xestións xa en funcionamento, mais está previsto ir ampliando os servizos que se ofrezan por vía virtual, ata a completa transformación dixital do Ceesg.

A partir deste momento, e de acordo coa normativa vixente respecto administración electrónica, as comunicacións e trámites como colexiada/o, deben facerse a través deste novo portelo. Estamos á túa disposición en caso de calquera dúbida.


Consérvanse os datos de acceso.

As persoas que xa estivesen rexistradas en ceesg.gal non precisan rexistrarse de novo. Os seus datos de acceso continúan sendo os mesmos.