O Ceesg propón alternativas para a figura de coordinador/a de benestar nas escolas
A Consellería de Educación non investirá na incorporación de persoal coordinador/a de benestar nos centros galegos. Así se pode concluír da orde publicada no DOG o pasado xoves 30 de agosto, que establece esta figura (creada ao abeiro da Lei de Protección á Infancia) A solución da Xunta consiste en que sexa o profesorado xa existente o que asuma estas funcións.
Dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) consideramos esta decisión como unha saída rápida da Consellería para cumprir coa imposición legal, pero que non achegará solucións reais ás problemáticas que atopamos nos centros educativos. Parécenos preocupante que esta medida non garanta ningunha formación específica para asumir esas funcións, tendo en conta que é un posto no que a formación en intervención socioeducativa con infancia e adolescentes é fundamental para un bo desenvolvemento das súas funcións.
A proposta do Ceesg, que foi trasladada á Consellería xa antes de que se comezase a tramitar a norma, é a incorporación de profesionais da Educación Social, evitando a sobrecarga de funcións do profesorado, e asegurando ademais a especialización e capacitación das/os profesionais que exerzan como coordinadoras/es de benestar e convivencia. O socioeducativo debe ter presenza no sistema educativo, máis alá da relación co sistema de servizos sociais. Precísase unha estratexia clara para a prevención das situacións de acoso escolar e vulnerabilidade relacionada coa saúde mental das crianzas galegas.
Na educación con crianzas tamén debemos innovar e apostar por servizos de calidade, e non por parches que reforcen a sobrecarga do profesorado, e, polo tanto, do sistema escolar.
Instamos á Xunta de Galicia a seguir traballando para construír alternativas que garantan unha atención especializada e integral dende o contexto escolar. A nosa man está tendida para levar a cabo proxectos piloto innovadores que poidan desenvolver respostas eficaces ás problemáticas actuais nas escolas, e que posteriormente poidan ser ampliadas. Así se trasladou nas xuntanzas mantidas, mais a Consellería parece desbotar esta posibilidade, pechando a porta a calquera opción que supoña un investimento económico.
Ceesg, setembro de 2023