O Ceesg celebra o Día da Educación Social nunha fin de semana de encontro e convivencia.

04 - 10 - 2023

Por segundo ano consecutivo, a localidade ourensá de Lobios acolleu a Convivencia de Educación Social, que serve ao Ceesg como momento de celebración do Día Internacional da Educación Social (2 de outubro) e para favorecer un espazo de encontro entre profesionais, estudantes e profesorado de Educación Social.

Este encontro, que contou con participantes de diferentes procedencias, tamén de fóra de Galicia, reune formación, cultura, natureza, xogos, etnografía e música, impulsando o valor do rural galego e potenciando o desenvolvemento comunitario, con espazos abertos á participación de cidadanía de todas as idades.

O evento estendeuse desde a tarde do venres 29 de setembro ata o domingo 1 de outubro pola tarde. A primeira das actividades foi o II Seminario Internacional de Educación Social, que contou no seu acto inaugural co Director Xeral de Inclusión Social, D. Arturo Parrado; a Deputada de Igualdade e Mocidade da Deputación de Ourense, Dª. María Teresa Barge; o Decano da Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense (Universidade de Vigo), D. Xosé Manuel Cid; a alcaldesa de Lobios, Dª. María del Carmen Yáñez, e a presidenta do Ceesg, Dª. Sonia González. O seminario contou con numerosos talleres e relatorios sobre diversos temas, tendo un protagonismo destacado o papel da Educación Social nas situacións de acoso escolar.

O sábado pola tarde tivo lugar a parte máis lúdica do evento, nunha gran carpa que acolleu actividades de música tradicional, xogos populares, mostras do entroido da zona do Xurés, e presentación do Couto Mixto, entre outras actividades. Cara á serán a actividade converxeu co festival de música Xurés Son, organizado pola asociación Eidos do Leboreiro, coa presenza de artistas como Fillas de Cassandra, The Tetas’ Van, A Banda de Garda e As Xingras dá Arca, entre outras/os.

A mañá do domingo quedou reservada para coñecer o valor natural da comarca, a través dun roteiro guiado polo Parque Natural Serra do Xurés, con parada e baño nas termas da zona.

Para levar a cabo esta actividade, o Ceesg contou coa colaboración da Dirección Xeral de Inclusión Social (Consellería de Política Social), a Deputación de Ourense, o Concello de Lobios, as Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo (Campus de Ourense) a Escola Superior de Educaçao de Viseu, a Universidade do País Vasco, a UNED, o Instituto Politénico do Porto, a Escola Paula Frassinetti (O Porto), así como doutras asociacións locais.

Queremos trasmitir o noso a agradecemento a todas estas institucións, así como con todas as persoas participantes, colaboradoras, e veciñas e veciños da localidade, que brindaron unha estupenda acollida á iniciativa.