Listas de peritaxe xudicial 2024

10 - 11 - 2023

Cada ano, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) elabora unha listaxe de profesionais dispostas/os a actuar como peritas/os.

A actividade pericial consiste na valoración obxectiva por parte de persoal experto dunha determinada situación ou feito, que pode ser influínte para a decisión xudicial, e pode ser empregado como proba nun xuízo. Este proceso está regulado pola Lei 1/2000, de 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil.

As persoas que actúan como peritas/os prestan este servizo por conta propia (non hai contratación laboral co xulgado). Aínda que a formación e experiencia non son requisito para integrarse nesta lista, dende o Ceesg recomendamos ter formación específica na materia e experiencia como educador/a social, pois é fundamental coñecer como funcionan os procedementos xudiciais, as designacións, situacións de incompatibilidade, ter práctica na redacción de informes, etc.

Quen queira solicitar a súa inclusión nas listas de peritaxe, pode facelo a través do portelo único do Ceesg

PRAZO ata o 11 de decembro de 2023 (incluído)

Os datos de contacto enviaranse a Xulgados e Tribunais, ou facilitaranse ás entidades/persoas que poidan ter interese en contar cos servizos profesionais dunha/dun perita/o de parte.