Acordo histórico para a Educación Social galega

02 - 02 - 2024

ACORDO HISTÓRICO PARA A EDUCACIÓN SOCIAL GALEGA

O Ceesg leva anos reivindicando o recoñecemento da nosa figura profesional, tanto na administración pública, solicitando a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), como nos convenios que regulan as categorías profesionais no terceiro sector. Neste longo camiño fomos acadando pequenas metas. Recentemente logrouse un cambio na denominación na especialidade da Xunta de Galicia que se pasou a denominar “Educador/a Social”. Este foi un avance importante, identificou a categoría coa nosa formación universitaria, pero aínda queda camiño por percorrer.

Recentemente publicouse a convocatoria do proceso selectivo para o ingreso pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos, especialidade de educador/a social (DOG Núm. 20 do luns, 29 de xaneiro de 2024). Na convocatoria  admítense, ademais da diplomatura e ou grado en Educación Social, as titulacións de Mestre, pedagoxía, psicoloxía, psicopedagoxía, así como outras titulacións da rama das ciencias sociais e xurídicas ou da rama de ciencias da saúde equivalente a calquera das anteriores. O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia comezou de xeito inmediato a coordinar unha resposta firme no exercicio da nosa misión como entidade que legalmente ostenta a representación da profesión en Galicia.

No día de onte, xoves 01/02/2024, a presidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) Sonia González Rodríguez reuniuse de xeito urxente con D. José María Barreiro Díaz, Director xeral da Función Pública da Xunta de Galicia.

En dita reunión o director trasladou o seu compromiso de realizar as oportunas modificacións á Leí de Función Pública para que as prazas de Educador/a Social unicamente inclúan como titulación esixida a de Diplomado/a ou  Graduado/a en Educación Social.

En relación á audiencia persoal mantida co Director xeral, e recollendo o seu compromiso verbal de modificar a Lei 2/2015, de 29 de abril, de emprego público de Galicia (LEPG, en adiante), en relación ás titulacións de acceso á especialidade Educadores/as, da Escala Técnica de Facultativos do Corpo Facultativo de Grao Medio de Administración Especial da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e téndose modificado xa coa Lei 18/2001, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o cadro do número 2 da Disposición Adicional 9ª da LEPG, correspondente á referida especialidade, coa finalidade de crear a especialidade de Educador/a Social, O Ceesg solicitou:

Que se proceda á modificación da LEPG, recollendo como únicas titulacións de acceso a diplomatura ou o grado en Educación  Social. Estamos á espera de recibir o compromiso escrito de modificación da LEPG conforme co acordo verbal obtido na audiencia celebrada no día de onte. Acordouse que o compromiso escrito debe incluír unha previsión temporal na que se detallen os prazos para a execución deste necesario cambio lexislativo e que afecta á Disposición Adicional 9ª da LEPG.

É importante destacar que somos profesionais comprometidas e comprometidos loitando pola reivindicación da nosa figura. As Educadoras e Educadores Sociais de Galicia debemos estar todas e todos unidas e unidos para asegurar o dereito da cidadanía a acceder a  profesionais que conten coa formación específica na Diplomatura ou Grado en Educación Social. Os avances futuros precisan de contar cun Colexio profesional forte e unido que exerza de órgano de representación da profesión e poda exercer presión e iniciar as accións que fosen necesarias para ir acadando todas as metas pendentes.

A colexiación supón sumar no fortalecemento, visibilidade e defensa da Educación social. Colexiarse é un acto que contribúe a que a profesión mellore no seu recoñecemento.  O CEESG seguirá traballando contra a precariedade, o intrusismo e a falta de recoñecemento, aínda demasiado presentes na nosa profesión. Convidamos a todas as persoas diplomadas e/ou graduadas en educación social en Galicia a que participen desta loita colectiva. As metas só se poden acadar contando CEESG forte.

Grazas a todas as colexiadas e a todos os colexiados por contribuír coa vosa colexiación aos avances progresivos na nosa profesión. Agardamos que cada vez sexan máis as profesionais que se sumen a estas reivindicacións e consigamos acadar as metas pendentes.

 

Saúde e moita educación social.