Xornada técnica: Abordaxe coordinada da protección infantil dende os SEAF e os equipos técnicos de menores
Entre os obxectivos dos Servizos de Educación e Apoio Familiar están previr e atender as situacións que provoquen vulnerabilidade ou risco social ás familias ou unidades de convivencia, con especial atención aos menores de idade, así como realizar o seguimento e a intervención nas familias en que teña derivado aos servizos sociais especializados de atención á infancia. Para ese traballo é necesario o uso de ferramentas específicas de valoración dos casos e a coordinación cos diferentes recursos de atención e protección infantil.
Baseándonos nestas premisas, dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia organizamos esta xornada técnica, dirixida a educadoras/es sociais dos SEAF. Contará con persoal técnico da Consellería de Política Social, que afondará no instrumento Valora como ferramenta de traballo, e con educadoras sociais dos SEAF que nos falarán sobre a coordinación cos equipos técnicos de menores das xefaturas provinciais.
A xornada está organizada co apoio da Dirección Xeral de Familias, Infancia e Dinamización Demográfica, continuando o seu apoio á formación para profesionais dos SEAF proposta dende o Ceesg. Tras a celebración dos I e II Encontros formativos dos SEAF, esta xornada técnica vén reforzar unha oferta formativa específica que contribúe non só á mellora e actualización da praxe profesional, senón que tamén favorece o coñecemento e creación de redes profesionais.