Formación en liña: atención integral a vítimas de violencia machista desde un enfoque socioeducativo

01 - 10 - 2024

A violencia de xénero é un dos problemas máis graves e complexos da nosa sociedade actual. É un tipo de violencia estrutural e ideolóxica, que se vén exercendo durante décadas sobre as mulleres polo mero feito de selo, sen distinción de etnia, idade ou clase social e constitúe a expresión máis extrema da desigualdade entre homes e mulleres.

Trátase dun grave problema social, que se fai cada vez máis visible, debido á maior concienciación das vítimas e das súas familias, á sensibilización das institucións públicas, dos medios de comunicación, dos corpos e forzas de seguridade e da sociedade no seu conxunto.

E como problema social, é precisamente a sociedade no seu conxunto, tanto os poderes públicos coma cada persoa na súa contorna e no seu día a día, a que debe implicarse e seguir loitando para lograr a súa erradicación.

 

Esta formación ten como obxectivo formar a profesionais do ámbito socioeducativo e da intervención social na atención integral a vítimas de violencia machista.

O curso dirixirase a que as profesionais da Educación social enfoquen o proceso de recuperación persoal desde un enfoque bio-psico-social; comprendan o proceso de recuperación persoal que transitan as vítimas de violencia machista; identifiquen o potencial terapéutico do lecer e o seu papel no acompañamento que realizan, e coñezan boas prácticas na atención integral a vítimas de violencia machista.


O curso será impartido por Tania Merelas Iglesias, educadora social e pedagoga, doutora en Ciencias da Educación cunha tese centrada no papel terapéutico do lecer no proceso de recuperación da violencia machista. Con experiencia docente en formación profesional na familia de servizos á comunidade, integrante do grupo Fiadeiras do Ceesg sobre feminismos, e impulsora de Avezar, un espazo creativo que ofrece formación e recursos sobre feminismo.


DATAS: martes 5, 12, 19 e 26 de novembro e os martes 3, 10 e 17 de decembro de 16:00h a 20:00h
MODALIDADE: En liña a través de plataforma Moodle.
DURACIÓN: 30 h. de formación certificada.
INSCRICIÓN

  • Colexiadas/os Ceesg: 55€. Non colexiadas/os: 110€.
  • Cota de colexiadas aplicable a estudantes de Educación social 'Amigas/os do Ceesg', e colexiadas de calquera colexio profesional do CGCEES.
  • Inscrición ata 27 de  outubro.

Ver detalles e inscrición