Situación da Especialidade “Educación Social” na Xunta de Galicia.
En febreiro deste ano, o Director Xeral de Función Pública D. José María Barreiro Díaz, expresou por escrito o seu compromiso expreso a propoñer e apoiar un cambio na Lei 2/2015 de Emprego Público de Galicia, que establecese un cambio nas titulacións de acceso á especialidade “Educación Social” da escala técnica de facultativos da administración especial.
En conversas mantidas con tres dos sindicatos máis representativos, tivemos tamén confirmación do seu apoio.
Tras o cambio de cargos políticos no goberno galego, mantivemos unha xuntanza coa nova Directora Xeral competente neste asunto, Directora Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Dna. Nuria Aguilar Vázquez, recordando esta cuestión e achegando documentación e lexislación aplicada nas comunidades autónomas que xa teñen realizado este cambio.
O Boletín Oficial do Parlamento de Galicia publicaba o pasado 19 de outubro o borrador da Lei de medidas fiscais e administrativas, que acompaña cada ano a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, na que se modifican diversas leis, entre elas, a Lei 2/2015, de Emprego Público de Galicia, e onde se esperaba que se materializase o cambio comprometido. Mais o borrador non contempla o cambio proposto, limitándose a introducir a alusión ao título de grao de todas as titulacións que figuran como válidas para o acceso á especialidade.
En xuntanza mantida a semana pasada coa Directora Xeral de Emprego Público e Administración de persoal, confirmou que non contemplan facer cambios na categoría.
A Xunta de Galicia está incumprindo o seu compromiso previo. Perdura polo tanto o agravio e discriminación das Educadoras/es Sociais, dunha titulación universitaria oficial creada precisamente para lograr unha especialización que respondese á necesidade dunha atención socioeducativa de calidade á que ten dereito a cidadanía.
A Xunta de Galicia está tomando decisións que afectan a máis de 5000 persoas que titularon nas universidades galegas, e a resposta da Dirección Xeral a isto é que superar o exame de oposición demostra suficiente preparación para o traballo socioeducativo.
Nos concellos estase vendo unha evolución dende hai anos favorable a que sexan educadoras/es sociais as/os profesionais que se ocupan dos servizos socioeducativos, atendendo á propia lexislación autonómica aplicable aos Servizos Sociais comunitarios que así o establece. No ámbito privado, o convenio colectivo de protección e reforma xuvenil e protección de menores, xa incorporou tamén hai anos a actualización necesaria. Mais a Xunta de Galicia quedou ancorada nunha situación anacrónica que non ten intención de actualizar.
Ante esta situación, dende o Ceesg estamos axilizando xuntanzas e contactos para intentar lograr que se introduzan emendas que poidan modificar o texto da Lei. Nos próximos días informaremos da evolución destes traballos, e moi posiblemente faremos unha chamada á mobilización e a accións reivindicativas colectivas, nas que esperamos contar coa forza de todo o colectivo colexial, así como do ámbito académico, organizacións sindicais e de calquera persoa que se sinta afectada pola actual redacción da Lei 2/2015 en canto á titulación de acceso á especialidade “Educación social”.
O Ceesg defende a profesión como forma de ofrecer servizos de calidade a persoas vulnerables, especialmente a nenos e nenas.
Ceesg, 28 de outubro de 2024