Reclamación pola situación da Educación Social na Xunta

19 - 11 - 2024

Na mañá de onte 18 de novembro, unhas 250 persoas concentráronse ás portas do Parlamento de Galicia en protesta pola falta de recoñecemento da profesión de Educación Social na Xunta de Galicia.

 

O acto organizado polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) pretende chamar a atención sobre o feito de que á especialidade “Educador/a social” poden acceder profesionais sen a titulación universitaria de Educación Social. Demandan un cambio na Lei de Emprego Público que actualice esta cuestión, como recoñecemento á titulación e como medida de mellora na prestación dos servizos socioeducativos por parte da Xunta. 

 

O anterior Director Xeral de Emprego Público comprometeuse a impulsar a modificación a través da Lei de medidas fiscais e administrativas (que acompaña a aprobación dos Orzamentos da comunidade autónoma e que introduce diversas modificacións lexislativas). Pero o borrador desta Lei, que se debatía no Pleno do Parlamento esta mañá, non incluíu este cambio.

 

Por un lado, está o menosprezo da Xunta ás persoas que investiron cartos, tempo e esforzo en estudar a titulación de Educación Social, e por outro tamén a calidade dos servizos socioeducativos. A Xunta debe garantir que os equipos sexan realmente interdisciplinares, que a cidadanía sexa atendida por profesionais cunha formación especializada no eido de que se trate; e no caso da intervención socioeducativa, esa formación especializada é o título universitario de Educación Social”, afirma a presidenta do Ceesg, Sonia González.

A reivindicación continúa.
Dende o Ceesg anímase a toda persoa que considere que é apremiante cambiar esta situación a enviar de xeito individual a súa petición dirixida á Xunta de Galicia. Para iso, queda a disposición un modelo que pode adaptarse e  presentarse por rexistro persoalmente ou a través da sede electrónica da Xunta (procedemento PR004A) O modelo atópase ao final desta noticia.
A través deste escrito, dirixido á Presidencia da Xunta de Galicia, infórmase do acontecido nos últimos meses e solicítase a modificación da Lei de Emprego Público para que á especialidade de Educación Social só teñan acceso as persoas tituladas en Educación Social.