Dispoñible o estudo Edusogal

23 - 01 - 2025

Tras varios meses de traballo, o 23 de xaneiro de 2025 dáse a coñecer o estudo Edusogal, unha investigación realizada polas Universidades galegas en colaboración co Ceesg, que amosa a realidade da educación social.

Este estudio levouse a cabo co obxectivo de identificar as necesidades, retos e oportunidades que enfrenta a educación social na comunidade galega, analizando cuestións como as funcións desenvolvidas, a denominación dos postos de traballo, a satisfacción profesional, as condicións salariais e laborais, ou o nivel formativo e necesidades formativas. Son datos recollidos a través dunha enquisa e a través de grupos de discusión, que reflicten a realidade cotiá da profesión.

Os achádegos da investigación son fundamentais para o Ceesg, que poderá desenvolver estratexias que fortalezan a educación social en Galicia, procurando que as e os profesionais conten cos recursos e o apoio necesarios para levar a cabo a súa praxe de maneira efectiva. Tamén para o ámbito académico é información moi valiosa, pois serve como base para as próximas reformas dos planos de estudo da titulación, e que así respondan ás necesidades reais da profesión.

O informe, que será presentado esta mañá por varias das investigadoras que levaron a cabo o estudo, xa está dispoñible na web, a través da sección Publicacións, ou directamente a través do seguinte enlace:

Informe Edusogal. 2025.

A presentación poderá seguirse en directo pola canle de Youtube do Ceesg, hoxe 23 de xaneiro ás 13:00 h.