8 M: A Educación Social só é posible se é feminista.
O pasado sábado 8 de marzo, celebramos o Día Internacional da Muller, unha xornada clave para recoñecer e visibilizar o labor das mulleres en todos os ámbitos, incluída a Educación Social. Neste caso, o CGCEES lanzou a campaña co hashtag #EdusoESFeminismo, co obxectivo de poñer en valor as aportacións da Educación Social, e especialmente, das mulleres Educadoras Sociais. Tamén lanzou o manifesto “La Educación Social solo es posible si es feminista”, que podes ler aquí, e nesta mesma páxina podes ver o cartel da campaña. Este ano, o obxectivo é destacar o traballo das mulleres que exercen a nosa profesión, e para iso, a partir de hoxe luns 10 de marzo, publicarase diariamente nas redes sociais do CGCEES unha lámina co perfil de cada unha das mulleres incluídas no cartel principal. Cada publicación permitirá coñecer con máis detalle a traxectoria profesional destas destacadas Educadoras Sociais.
Como sabedes, o Ceesg puxo á venda recentemente unhas camisetas co lema: "Brava como a flor do toxo, feminista como a Educación Social". Tiveron moi boa acollida e seguirán estando dispoñibles ata esgotar existencias. Animámosvos a adquirilas e a lucilas con orgullo, como unha forma de apoiar a loita pola igualdade e a visibilización das mulleres no noso ámbito profesional.
Agradecemos a quen se animou a participar e compartir a campaña do CGCEES nas redes sociais, contribuíndo así á visibilización do traballo das mulleres no noso sector e fortalecer a mensaxe de igualdade.