A precariedade laboral mata
O pasado xoves 13 de marzo, en varias cidades de Galicia celebráronse concentracións e minutos de silencio convocados polo Ceesg, universidades e sindicatos en memoria de Belén, a compañeira asasinada en Badajoz. Estes actos foron un xeito de apoiar á familia da vítima, aos compañeiros e compañeiras da profesión, e de visibilizar a loita pola dignidade e a seguridade no traballo das profesionais do ámbito social.
O colectivo profesional trasladou publicamente o seu pésame á familia de Belén, ás súas compañeiras e compañeiros e a todas as persoas que sentiron esta traxedia. As organizacións subliñaron a importancia de reflexionar sobre o estado do sector. "Este doloroso suceso pón de manifesto a urxente necesidade dunha reflexión sobre a situación do sector e a seguridade das persoas que traballamos nel", indicaron desde o Ceesg. "Durante estes días, asistimos a un cúmulo de informacións erróneas nos medios de comunicación que estigmatizan ás nenas e nenos no sistema de protección, confundindo os centros de medidas xudiciais cos centros de protección. É crucial que a información transmitida sexa precisa, respectuosa co traballo das profesionais e, sobre todo, cos dereitos das nenas e nenos."
As concentracións tamén serviron para denunciar a falta de recursos técnicos e económicos que afectan o traballo das profesionais deste ámbito. Os recortes e a externalización de servizos impactan directamente na calidade da atención socioeducativa e poñen en risco a integridade das traballadoras e traballadores.
As entidades esixen unha avaliación exhaustiva dos recursos existentes para evitar que traxedias como a ocorrida en Badajoz se repitan, e a implementación de medidas que reforcen tanto a seguridade como a calidade do traballo das profesionais. “A Educación Social, como unha das ferramentas principais para a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, necesita ser blindada pola administración pública”.
O Ceesg reiterou o seu compromiso coa protección dos dereitos das persoas en situación de vulnerabilidade e instou ás autoridades a tomar accións concretas para garantir un entorno laboral seguro e digno para as e os profesionais do sector.
A Coruña
Lugo
Ourense
Santiago