Programa definitivo do CIPIES-25
O Congreso Internacional, Profesional e Interuniversitario de Educación Social (CIPIES) celebrarase os días 8 e 9 de maio de 2025 en Santiago de Compostela, baixo o lema Acompañamento socioeducativo e benestar. Este evento posicionarase como un punto de encontro para profesionais, académicos e estudantes con interese en reflexionar sobre o impacto e as perspectivas da Educación Social. Cun enfoque integral do benestar, o congreso abordará temas clave como a diversidade, a educación transformadora e o acompañamento socioeducativo.
Jordi Planella (Universitat Oberta de Catalunya) será o
encargado da apertura, coa conferencia “Resignificar as prácticas
socioeducativas a través do acompañamento”.
O programa conta tamén con outros membros destacados de diversas institucións
académicas e profesionais, que participarán nas mesas de diálogo.
Na mesa de diálogo “O acompañamento socioeducativo nas transicións vitais”,
contaremos con Joana Miguelena (Universidade do País Vasco), Cristóbal
Ruiz Román (Universidade de Málaga) e Edgar Correia (Instituto
Politécnico de Viseu), que explorarán as claves para comprender e apoiar ás
persoas durante os momentos de cambio que afectan as súas circunstancias
familiares, sociais e persoais.
A segunda mesa de
diálogo será sobre “Experiencias de acompañamento socioeducativo desde as
cooperativas de Educación Social”, e contaremos coas cooperativas Atalaias,
Outonía e Agintzari. Teremos a oportunidade de coñecer como estas
entidades traballan en contextos de intervención social, promovendo o benestar
e a inclusión.
A última das
mesas de diálogo leva por título “O futuro da Educación Social: desafíos
dun tempo inacabado”. Participarán na mesma José Antonio Caride
(Universidade de Santiago de Compostela), Laura Cruz López (Universidade
da Coruña), Xosé Manuel Cid Fernández (Universidade de Vigo) e Francisco
José del Pozo Serrano (UNED). A través das súas intervencións analizaremos
como a profesión debe adaptarse aos novos contextos sociais, culturais e
políticos, e como pode responder de maneira eficaz ás demandas e necesidades da
sociedade actual.
Encargarase do
peche a educadora social Claudia Manyá, consultora social especializada
no ámbito de servizos sociais e acción comunitaria, coa conferencia “Mirada
comunitaria do acompañamento socioeducativo nos servizos sociais”.
No seo do
congreso haberá outras dúas actividades complementarias: o espazo de encontro “Educación
Social Feminista” e o obradoiro “Entre páxinas e realidades:
Reflexións a través de libros de Educación Social”.
Os simposios e comunicacións presentadas polas/os congresistas completarán o programa científico. Será anunciada a lista completa de simposios e comunicacións a partir de principios de abril.
O CIPIES-25 será un espazo para o encontro de profesionais, académicos e
estudantes interesados na Educación Social. Promete ser unha oportunidade única
para compartir coñecementos, experiencias e prácticas innovadoras que
contribúan ao avance da profesión.
O congreso está
organizado polo CEESG, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade
da Coruña, a Universidade de Vigo (Campus Ourense) e a UNED.
As persoas interesadas en participar poden realizar a súa inscrición a través
da páxina web do congreso ata o 20 de abril.
www.cipies.org