Desconto no 35 Congreso da SGXX
O DESAFÍO DO ENVELLECEMENTO NUNHA SOCIEDADE EN TRANSFORMACIÓN' será o tema central do XXXV Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acollerá este Congreso internacional, que se celebrará os días 30 e 31 de maio de 2025.
Arredor de 60 relatoras/es e expertas/os en atención sociosanitaria daranse cita en maio en Ourense para participar neste encontro internacional que leva por lema ‘Envellecemento, Benestar e Atención Especializada’.
Europa é unha das rexións do mundo con poboacións máis envellecidas. Este fenómeno débese a unha combinación de baixos índices de natalidade e unha alta esperanza de vida. E, dentro de España, Castela e León, Asturias e Galicia son as comunidades autónomas con maior número de persoas maiores. Pero, ademais, concretamente Ourense, con case un 34% de persoas maiores de 65 anos, destaca por ter unha das poboacións máis envellecidas non só en España, senón a nivel mundial.
É evidente que este fenómeno poboacional presenta desafíos significativos, pero tamén ofrece oportunidades para fortalecer as políticas de saúde e benestar, e fomentar a inclusión e o apoio á poboación maior.
Recoñecer esas tendencias e saber adaptarnos ás necesidades cambiantes da cidadanía maior é crucial para garantir unha calidade de vida adecuada e unha sociedade equitativa e sustentable.
Estes serán os temas que centrarán as conferencias e mesas redondas do 35º Congreso da SGXX, que se repartirán en tres áreas temáticas: envellecemento saudable e benestar, atención especializada e investigación en xerontoloxía e xeriatría.
Programa e máis información na WEB do Congreso: https://congreso.sgxx.org/
As colexiadas e colexiados do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia teñen unha redución na tarifa para asistir ao congreso, que será de 125 euros.
A inscrición formalizarase no apartado de ‘Acordos con Institucións’, nesta ligazón: https://congreso.sgxx.org/inscripcion/
Para beneficiarse do desconto é necesario contactar previamente con formacion@ceesg.gal.