Formación: prevención da explotación sexual infantil

16 - 05 - 2025

Nova formación para profesionais do sistema de protección de menores en Galicia: afrontando a Explotación Sexual Infantil e Adolescente (ESIA)

Médicos do Mundo, xunto a Fundación Cruz Blanca, Mujeres en Conflicto, APRAMP e Proyecto Esperanza, están a implementar o I Plan de Inserción Socio Laboral para mulleres e nenas vítimas de trata e explotación sexual, no marco do Plan Camino (2022-2026) do Ministerio de Igualdade.

Un dos programas que se desenvolven dentro deste plan é o de acompañamento social e psicolóxico para a recuperación integral da saúde física, mental e reprodutiva das menores tuteladas. Neste contexto, Médicos do Mundo ofrece unha formación específica ao Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, dirixida a profesionais do sistema de protección á infancia.

A formación ten como obxectivo achegar ao persoal técnico e de xestión coñecementos sobre a explotación sexual infantil e adolescente (ESIA), así como ferramentas prácticas para a detección de indicios e a intervención tanto na fase de acollida como durante o proceso de atención á infancia.

Na edición anterior, participaron 376 profesionais de 90 centros residenciais. Os datos mostran un impacto significativo:

  • Antes da formación, só o 37% dispuña de ferramentas de detección.
  • Despois da formación, o 99% manifestou sentirse capacitada/o para intervir.
  • O 87% destacou a necesidade de continuar afondando na temática.

Dada esta demanda, este ano ampliouse a duración da actividade formativa a 9 horas certificadas, incorporando estudo de casos prácticos e un enfoque máis completo.

Esta formación está dirixida a profesionais que traballan —ou poidan chegar a traballar— con infancia en tutela, garda ou protección en Galicia. É unha oportunidade clave para mellorar a calidade da intervención e contribuír á protección efectiva das vítimas máis vulnerables.

 

Datos básicos do curso 

Data: mércores 4, 11 e 18 de xuño do 2025 (de 10:30h a 13:30h)
Duració: 9h 
Modalidade: Presencial 
Lugar: sede do CEESG (R/ Lisboa 20, Baixo C Santiago de Compostela) 

Cota de matriculación: De balde. 
Formación exclusiva para colexiadas e colexiados do CEESG (ou calquera outro colexio profesional do estado) 
Inscricións: Na páxina web do Ceesg. ceesg.gal 

Data límite inscricións: 23 de maio do 2025 


Máis información