Participa na enquisa para o Libro Branco das profesións dos servizos sociais

05 - 08 - 2025

Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia animámosvos a participar na enquisa estatal para a elaboración do Libro Branco das profesións dos servizos sociais, unha iniciativa estratéxica impulsada pola Secretaría de Estado de Dereitos Sociais no marco da Estratexia estatal para un novo modelo de coidados na comunidade (2024–2030).
Este proxecto ten como obxectivo elaborar un diagnóstico rigoroso e participativo sobre a situación actual das profesionais do ámbito dos coidados e dos servizos sociais. Trátase dun proceso clave para construír políticas públicas que reforcen o sector e melloren as condicións laborais, recoñezan as funcións reais que exercemos e avancen cara a un modelo de atención máis humano e centrado nas persoas.
A enquisa está dirixida a todas as profesionais que traballan no ámbito dos servizos sociais —tanto en servizos comunitarios como especializados, de carácter público ou privado, con ou sen ánimo de lucro— e aborda cuestións clave como:
    As condicións laborais
    As funcións profesionais
    A implementación e os desafíos dos modelos centrados na persoa
    As necesidades formativas
    As experiencias prácticas, percepcións e actitudes
A participación nesta enquisa é anónima, require entre 10 e 15 minutos, e constitúe unha oportunidade fundamental para que as educadoras e educadores sociais fagamos visible o noso labor, as nosas realidades e as nosas demandas profesionais.

A túa voz conta. A túa experiencia importa. A túa participación é clave para fortalecer a Educación Social e o conxunto dos servizos sociais.

Accede á enquisa aquí: https://fresno.limequery.com/libroblancoss