Comunicado do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia sobre a vaga de lumes na provincia de Ourense.
Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia queremos expresar a nosa solidariedade coas persoas e comunidades da provincia de Ourense e demais territorios que están a ser asolados pola vaga de incendios, con consecuencias devastadoras a nivel humano, ambiental e social. Amosamos tamén o noso fondo recoñecemento ao esforzo incansable de todos os equipos de emerxencia, brigadistas, servizos forestais e voluntariado que loitan contra esta traxedia.
Como profesión
comprometida co benestar das persoas e co fortalecemento da comunidade, somos
conscientes do impacto emocional e social, así como da perda de biodiversidade
e da degradación da contorna que estes lumes están a provocar. Tórnase indispensable revisar as políticas de xestión do territorio e de prevención, incorporando medidas que garantan a resiliencia das persoas, dos ecosistemas e das comunidades fronte aos efectos da crise climática.
Este xoves hai
convocadas concentracións en diversas localidades, expresión do compromiso da
sociedade galega na defensa do territorio e na esixencia dun futuro sostible
para Galicia.
Nestes momentos de dor e incerteza, sumamos a nosa voz para
reclamar unha Galicia coidada e protexida, que mire polo seu territorio, polas
persoas e polo medio ambiente. Por unha Galicia viva e protexida.
Ceesg, 19 de agosto de 2025