O Proxecto Aloumiños preséntase nas xornadas polo Día Mundial da Prevención do Suicidio

10 - 09 - 2025

No marco da conmemoración do Día Mundial da Prevención do Suicidio, tivo lugar o pasado 10 de setembro de 2025 a xornada "Territorio y comunidad" organizada polo Comisionado de Salud Mental do Ministerio de Sanidad, centrada na prevención integral do suicidio, con participación de profesionais, entidades sociais, representantes institucionais e persoas con experiencia propia.


Durante a mesa titulada "Prevención del suicidio desde el ámbito local", o coordinador do proxecto Aloumiños, Rodrigo Gil, presentou esta iniciativa pioneira que naceu co obxectivo de combater a soidade non desexada desde unha perspectiva comunitaria, centrada no acompañamento emocional, a atención temperá e o coidado mutuo en contornas próximas.


Aloumiños: un modelo comunitario centrado nas persoas

O proxecto Aloumiños, que se desenvolve coa colaboración do Sergas, actúa en 20 concellos de Galicia, co obxectivo de ofrecer apoio e recursos a persoas en situación de vulnerabilidade emocional, a través de redes de coidado locais, da man dun equipo de educadoras sociais, coa participación de  profesionais da saúde, entidades sociais da contorna. A presentación destacou a importancia de tecer estratexias de prevención arraigadas ao territorio, capaces de responder de maneira participativa e respectuosa ás necesidades das persoas.


Un espazo para compartir coñecemento e compromiso

A xornada reuniu a diferentes actores implicados na prevención do suicidio, promovendo a reflexión sobre a necesidade de políticas públicas coordinadas, recursos accesibles e accións comunitarias sostidas no tempo. A mesa onde se presentou Aloumiños compartiu experiencias de éxito desde o ámbito municipal, amosando que a prevención eficaz comeza desde o local e dende o compromiso coa vida de cada persoa.


Accede aquí ao vídeo das xornadas completas: VER VÍDEO