Catorce anos camiñando por unha Educación Social Feminista

16 - 09 - 2025

O 16 DE SETEMBRO, O GRUPO DE TRABALLO EN IGUALDADE DO COLEXIO DE EDUCADORAS E EDUCADORES SOCIAIS DE GALICIA (CEESG) CONMEMORA O SEU 14º ANIVERSARIO.


As Fiadeiras levamos máis dunha década abrazando a educación social e o feminismo, intervindo desde diferentes formas e contextos pola incorporación da
perspectiva feminista na nosa profesión. As accións que desde Fiadeiras levamos a cabo desenvólvense nunha dobre dirección, interna e externa; é dicir, combínase un traballo “intracolexial” centrado na propia Xunta de Goberno, o persoal laboral e as persoas colexiadas; con outro dirixido á cidadanía en xeral, destacando a participación activa de Fiadeiras no movemento feminista galego e a súa colaboración con outras entidades no ámbito socioeducativo.

Con motivo destes 14 anos no Ceesg, hoxe teredes á vosa disposición en formato dixital as conclusións recollidas do Encontro de Educación Social Feminista organizado dentro do Congreso CIPIES 25.

Agradecidas da colaboración e sororidade de todas as persoas e entidades que nos últimos catorce anos compartíchedes e tecechedes redes con nós e que permitiron mellorar o traballo en igualdade que hai séculos iniciaron outras compañeiras dende o feminismo.

Grazas por compartir un ano máis con Fiadeiras do Ceesg.