Pesar polo falecemento de Alberto Fernández de Sanmamed Santos
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) lamenta fondamente o falecemento de Alberto Fernández de Sanmamed Santos, figura clave na consolidación e no recoñecemento da Educación Social como profesión en Galicia e no conxunto do Estado.
Alberto Fernández de Sanmamed foi unha persoa fundamental na historia da Educación Social galega. Exerceu como primeiro presidente do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, tras presidir previamente a Asociación de Educadores Sociais de Galicia, desempeñando un papel decisivo no proceso de creación e fortalecemento da estrutura colexial e na defensa da profesión.
Ao longo da súa traxectoria profesional, estivo firmemente comprometido coa protección da infancia, a intervención socioeducativa e a dignificación do traballo das educadoras e educadores sociais. O seu labor, visión e capacidade de diálogo contribuíron de maneira significativa ao recoñecemento institucional e social da Educación Social.
O seu compromiso foi recoñecido por diversas entidades profesionais, entre elas o propio CEESG, que o distinguiu como Colexiado de Honra, polo CGCEES, do que foi nomeado Presidente de Honra, así como por Unión Profesional, pola súa achega ao desenvolvemento dos colexios profesionais de Educación Social en España.
O CEESG traslada o máis sincero pésame á súa familia, amizades e compañeiras e compañeiros de profesión, e expresa o agradecemento por unha traxectoria que deixa unha pegada profunda e duradeira na Educación Social.
O legado de Alberto Fernández de Sanmamed Santos seguirá presente no traballo diario do colectivo profesional ao que dedicou boa parte da súa vida.
Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG)
