Carmen Morán de Castro será nomeada Colexiada de Honra
Comprácenos anunciar o nomeamento como Colexiada de Honra do CEESG a Mª Carmen Morán de Castro, recoñecendo así a súa longa e destacada traxectoria no ámbito da Educación Social e a súa significativa contribución académica e investigadora á profesión.
Carmen Morán de Castro é Doutora en Pedagoxía (Premio Extraordinario de Doutoramento), Licenciada en Ciencias da Educación, Licenciada e Psicoloxía e Diplomada en Profesorado de EXB pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Forma parte do Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental SEPA interea e foi coordinadora do Grao en Educación Social na USC entre 2012 e 2016.
Durante 25 anos de carreira docente na titulación de Educación Social, desempeñou un papel importante na formación de numerosas xeracións de estudantado, transmitíndolles non só coñecementos e competencias profesionais, senón tamén a paixón e a vocación pola profesión, inspirando a desenvolver unha carreira comprometida co benestar e a xustiza social.
O seu labor docente desenvolveuse en estreita conexión co seu traballo investigador, tendo como liñas de investigación cuestións centrais para a Educación Social, como vulnerabilidade social e inclusión; cultura, comunitarismo e participación social; e políticas de benestar social e servizos sociais. A súa participación como investigadora e editora en publicacións especializadas e en proxectos colectivos evidencia a súa contribución á produción de coñecemento científico en Educación Social e ao desenvolvemento do debate profesional.
Desenvolveu un destacado labor comunitario e socioeducativo en rede, especialmente no ámbito penitenciario, coordinando desde 2013 o Plan Integral de Animación Sociocultural no Centro Penitenciario de Monterroso, impulsando accións para reforzar as actividades socioeducativas, a perspectiva comunitaria e a convivencia no centro.
Actualmente xubilada, segue vinculada á Educación Social a través da súa participación en iniciativas de carácter socioeducativo e colaborando en redes profesionais, mantendo vivo o seu compromiso coa transformación social e co desenvolvemento da profesión.
Con este recoñecemento, o CEESG quere valorar non só a súa traxectoria individual, senón tamén a súa aportación ao progreso, á investigación e á difusión da Educación Social tanto no ámbito académico como no profesional.
O acto de nomeamento terá lugar o vindeiro 14 de marzo ás 14:00 h. na Casa das Asociacións de Cornes (Santiago de Compostela). A asistencia ao acto será libre, confirmando asistencia no teléfono 981552206.