Discurso de Carmen Morán como Colexiada de Honra
O CEESG nomeou a Mª Carmen Morán de Castro como Colexiada de Honra, en agradecemento á súa destacada traxectoria académica, investigadora e profesional no ámbito da Educación Social. No acto que tivo lugar o pasado 14 de marzo, Carmen Morán ofreceu un discurso que reflicte a súa experiencia, compromiso e visión sobre a Educación social, falando da importancia dunha educación que teza resiliencia e esperanza, fronte ás desigualdades e adversidades sociais, e destacando a necesidade de acción reflexiva e compromiso comunitario para fortalecer a profesión.
A continuación reproducimos as súas palabras:

Bos días,
Moitas grazas ao CEESG por este nomeamento que recibo agradecida e que non fai senón agrandar en min o compromiso coa Educación Social.
Tedes diante de vós unha muller afortunada, e conmovida polo cariño recibido agora e sempre, polos sorrisos, polas apertas, polas miradas cómplices, polas verbas dedicadas que gardo como tesouros, inda que me queden grandes de talla. Grazas, moitas grazas polo voso afecto.
Nos meus inicios na Facultade de Ciencias da Educación na USC, e desde unha tradición profesional focalizada en diversos niveis da educación escolar, achegueime a unha titulación entón nova e hoxe adulta moza -van alá 36 anos desde os inicios da Diplomatura na Universidade de Santiago no curso 1992/1993-, pero cunha longa traxectoria de experiencias, reflexións e sistematizacións das e dos precursores do campo. Foi unha fascinación introducirme desde a Pedagoxía Social nunha profesión que ten como escenario e destinatarios da acción educativa o conxunto da sociedade con todas as súas expresións, todas as súas grandezas, e tamén, con todas as súas miserias, vulnerabilidades e violencias.
E todo co obxectivo de facer realidade o
dereito á educación como base incuestionable para a dignidade humana. Unha
educación, escribía Gabriel
García Márquez nun ensaio en 1995, “dende o berce ata a tumba,
inconformista e reflexiva, que nos inspire a pensar dun xeito novo, e nos anime
a descubrir quen somos nunha sociedade que se queira máis a si mesma”.[1]
“Que se queira máis a si mesma”... Sona romántico, pero totalmente oposto á realidade do momento histórico atroz que estamos a vivir. Unha situación na que todo nos empuxa a reconcentrarnos con maior ímpeto na educación para a indignación. Si, Paulo Freire unha e mil veces máis, lembrándonos que en calquera circunstancia o pesimismo e o conformismo non son unha opción: son rendicións, e por aí non!. Fronte aos discursos fatalistas e inmobilizadores compre máis ca nunca desenvolver unha educación para a resistencia, unha educación que teza esperanza. Desde un pensamento realista, pero con optimismo na acción; cadaquén no seu labor; asumindo todas e cada unha de nós a parte de promoción de cambio que nos corresponde; sen inhibicións, sen derrotismos. Reflexión e acción. Lembrando que a reflexión sen acción redúcese a verbalismo estéril; a acción sen reflexión non pasa de activismo (Freire, 1970)[2]; e que ambas, en simbiose, son imprescindibles no desenvolvemento da acción socioeducativa que acompaña cambios reais.
Unha educación para a resistencia que, desde o paradigma crítico, apela ás e aos profesionais cara a superación de catro cegueiras educativas que Andrade e Cárdenas, -dous estudosos da teoría da complexidade de Edgar Morin- describen nun artigo de 2021[3]:
- a cegueira de normalizar as desigualdades e falta de equidade;
- a cegueira do saber técnico incuestionable na toma de decisións sobre as persoas, mutilando a autonomía.
- a da falsa esperanza da ilusión de cambio sen que se acompañen accións resolutivas que o posibiliten;
- e a cegueira do asombro, cando se perde esta capacidade diante de atropelos, violencias e imposicións.
A Educación social é unha profesión fermosísima, ilusionante, cuestionadora, desveladora, necesaria, comprometida, solvente. Descríbese magnificamente na páxina Web do CEESG cando lemos nos perfís das e dos integrantes da Xunta directiva as definicións que se fan da profesión. Poñendo todas en valor, entendo que sintetiza magnificamente o labor profesional a seguinte: “a figura da educadora social é a que, en definitiva, exerce de titora de resiliencias” (Pilar Ramallal).
Teño palpado esta titoría de resiliencias e aprendido de tantas e tantas profesionais coas que me fun atopando ao longo de varias décadas nas visitas, saídas de estudo e traballos de campo co alumnado e compañeiros: en plans e mesas comunitarias, centros socioculturais, servizos sociais municipais, na Rede Galega de Educacións en Prisión, ONGs e asociacións de atención ás vulnerabilidades (por xénero, por patrias, por etnias, por carencias económicas, por non poder exercer a cidadanía que nos é consubstancial como persoas...). E quero neste punto facer unha homenaxe a alguén que coñecín, como tantas outras cousas, grazas a Laura Varela. Refírome a ANTÓN BOUZAS, do Foro Socioeducativo As Ninguéns de Vigo, provocador de resiliencias, incombustible,... dos que estiveron e están sempre, dos indispensables de Bertolt Brecht: "Hai homes que loitan un día e son bos. Hai outros que loitan un ano e son mellores. Hai quen loita moitos anos e son moi bos. Pero hai quen loita toda a vida: eses son os indispensables!"
Teño palpado titorías de resiliencia en profesorado compañeiro nas universidades, entregadas á formación nesta titulación e comprometidas co seu saber ser, estar e facer nas ensinanzas que require esta profesión. Sirvan de mostra as que aquí nos acompañan e as Colexiadas e Colexiados de Honra que me precederon.
Teño palpado a aprendizaxe desta titoría de resiliencias no alumnado da titulación que sempre me levou voando por camiños tantas veces para min descoñecidos, indo moito máis alá do suxerido co seu ímpeto, creatividade desbordante e xenerosidade intelectual. Os tres premios TFG que hoxe se entregaron son un mostra de tanto empuxe e talento.
Teño palpado esta titoría de resiliencias no Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, que co desenvolvemento das súas responsabilidades fai posible (en palabras de Sonia González) que “construír un mundo no que a educación social estea presente, vaia sendo unha realidade”. O CEESG cunha enorme tarefa sobre si, con logros palpables como se acredita nos resultados do EDUSOGAL, o diagnóstico sobre a profesión recentemente realizado en convenio do CEESG coas universidades galegas, coordinado por Laura Varela e María Barba[4]. Nel dáse conta dun perfil, por suposto mellorable, pero positivo na definición da figura profesional, de avance nas condicións laborais e de recoñecemento no marco das profesións sociais.
Pero tamén o diagnóstico informa da necesidade de mellorar o nivel de participación das colexiadas, particularmente entre as asociadas máis novas. O Colexio é collegium, agrupación de colegas para a consecución do procomún; precisa respaldo, implicación e compromiso nas asembleas, nas actividades, nos grupos de traballo...; non so formar parte, senón tomar parte; ser e facer comunidade. Coma no Xurés!, sempre Xurés!. Non abandonemos a perspectiva comunitaria, esencia da profesión, xustamente no espazo identitario da Educación Social: O CEESG.
Comunidade para continuar defendendo e visibilizando a profesión.
Comunidade para demandar melloras nos planos formativos universitarios.
Comunidade para que as administracións públicas respecten a titulación nas convocatorias de prazas e concursos, e amplíen os escenarios de inserción.
Comunidade para que as entidades e empresas contratantes melloren as condicións laborais.
Remato quedando á vosa disposición para ser comunidade no Colexio, para o que se precise de min, e reiterando o meu fondo agradecemento por este día que me fai feliz. Moitas grazas.
Carmen Morán de Castro
[1] García Márquez, G. (1995). La proclama: Por un país al alcance de los niños. En C. E. Vasco (Coord.), Colombia: Al filo de la oportunidad (pp.24-28). Tercer Mundo.
[2] Freire, P. (1973) Pedagogía del oprimido. Siglo XXI
[3] Andrade, J.A., Cárdenas, L. (2021) Educación para la resistencia, perspectivas desde la complejidad y la pedagogía crítica. REDISED Revista Diálogo Interdisciplinario sobre Educación, vol 3, nº 1, 37-50
[4] Varela L., Barba M. (coord.) (2025) Estudo diagnóstico sobre a situación da profesión da Educación Social en Galicia. https://ceesg.gal/wp-content/uploads/2025/01/INFORME_EDUSOGAL_2025.pdf